Nota de Prensa
O BNG DE BARREIROS PÍDELLE Á CONCELLEIRA DE CULTURA QUE EXERZA COMO TAL, AO TEMPO QUE REITERA A NECESIDADE DUNHA ORDENANZA REGULADORA DAS SUBVENCIÓNS.
Barreiros, 25 de outubro de 2008. O BNG de Barreiros afirma que as subvencións recibidas polas asociacións e colectivos locais quedan ao arbitrio do equipo de goberno, xa que non existe nengún tipo de regulación neste sentido.
Desde esta formación os seus responsabeis lembran que <a semana pasada o concelleiro nacionalista Xesús Díaz sinalaba a diferenza de asignación que recibiron as asociacións de Reinante e San Miguel, a primeira delas presidida pola concelleira de cultura Adelina Rodríguez, para a realización das súas actividades no orzamento de 2008. Xustifícase a asignación do duplo de crédito á asociación de Reinante en base á celebración do seu centenario, centenario que coincidiu tamén co da Asociación de San Miguel sen que esta vise incrementado a súa axuda; a pesares de ter realizado practicamente os mesmos actos>.
E engaden que <a contestación por parte da concelleira de Cultura non deixa de abraiar á formación barreirense, xa que admite as críticas como concelleira, mais resposta en calidade de Presidenta da Asociación. As súas declaracións son tan confusas que desde o BNG de Barreiros non son quen de determinar cal é a resposta ofrecida>.
Os nacionalistas consideran que <as declaracións da concelleira son tan escuras como a súa xestión á fronte da concellería de Cultura, que carece completamente dunha actividade realizada desde a súa área. A incapacidade da concelleira queda difuminada coa actividade programada desde a Xunta de Galiza que se está a levar a cabo en Barreiros grazas á adicación dos traballadores da área; o que demostra o erro que supuxo o nomeamento de Adelina Rodríguez á fronte dunha área totalmente descoidada como consecuencia da incompetencia da titular desta para asumir as funcións que lle corresponden>.
Desde o BNG supoñen que a concellalía de Cultura de Barreiros está na mesma liña que a mayoría do resto de concellalías, donde moitos dos seus responsábeis descoñecen os contidos e o funcionamento das súas propias áreas.