Site icon Crónica3.com A Mariña

Para a CIG estase xogando co futuro dos traballadores do asilo de Foz

NOTA DE PRENSA

Ante os acontecementos que se están a dar no centro asistencial de Foz, e as declaracións das persoas responsables tanto do Padroado como do Concello dende a CIG queremos manifestar o seguinte:

Parece evidente, a pesar da pouca información da que se dispón, que entre o Padroado e o Concello por unha banda, e a ONG que xestiona o asilo, “Mensajeros de la Paz”, pola outra, están a dirimir as súas diferenzas de cara á renegociar as condicións da concesión coma se dun partido de futbol se tratase e quen recibe as patadas, o balón, serían neste caso as traballadoras do centro.

Desgraciadamente este tipo de actitudes e a utilización do máis débil como un obxecto máis no taboleiro dunha negociación ven sendo unha practica habitual dos “poderosos” na nosa sociedade e máis nas relacións laborais.

A falta de consideración para coas traballadoras que levan moitísimos anos de responsable e eficaz traballo nesa institución (algunha leva 18 anos), resulta evidente cando teñen que enteirarse pola prensa da posibilidade de que o seu centro de traballo peche, de que os xestores actuais teñen previsto abandonar o centro, etc., e ninguén (empresa, Padroado ou Concello) se dirixe a elas para informalas. Desconsideración extensible aos residentes e familiares que son tamén vítimas desa mesma falla de información.

Se todo isto non fora suficiente para crear unha sensación de desacougo, de incerteza, de frustración e, por qué non, de medo no conxunto das doce traballadoras do asilo, aparecen de novo o Padroado e o Concello botándolle máis leña ó lume cunhas novas manifestacións dicindo que o asilo segue pero que se vai contratar a outras. Fálase de contratar un novo persoal en condicións de “igualdade, mérito e capacidade” para continuar a facer as mesmas tarefas e no mesmo centro de traballo. Entendemos que isto sería de aplicación para a contratación do persoal da nova residencia de Vicepresidencia pois tratarase do ingreso na administración pública.

As residencias da terceira idade , así coma outros colectivos (vixilancia e seguridade, limpeza, etc ) teñen recollidos nos seus respectivos convenios de aplicación o dereito de subrogación. Este dereito permite que as traballadoras e traballadores dunha concesión continúen nos seus postos de traballo cando outra empresa se faga cargo da mesma. O obxecto desta subrogación e dobre: garantir a eficacia dos servizos e evitar a rotación innecesaria de persoal co que supón de merma na calidade dos mesmos, e por outra banda dar estabilidade laboral ás traballadoras e traballadores.

Pero no caso do asilo de Foz non é unha cuestión de dereito laboral, é unha cuestión de sentido común. Que delito cometeron estas traballadoras para que despois de tantos anos queiran prescindir delas? Si vai continuar aberto o asilo coa mesma ou outra dirección, non sería máis eficaz manter a estas experimentadas traballadoras?

Exit mobile version