Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP di que aporta “20 propostas de resolución para o debate de política xeral en clave mariñá”

NOTA DE PRENSA

As propostas, que serán votadas no debate da próxima semana, buscan superar as deficiencias existentes en materia sanitaria: o reforzo da atención urxente no centro de saúde de Foz e a ampliación do hospital, facer posible os trámites iniciais para a creación da Autoridade Portuaria de Lugo, e rematar a concentración parcelaria de Mondoñedo norte, incluído o arranxo das pistas
BALSEIRO OROL FORMULARÁ UNHA VINTENA DE PROPOSTAS DE RESOLUCIÓN NO DEBATE DA AUTONOMÍA PARA CORRIXIR AS CARENCIAS E RETRASOS QUE ACUMULA A MARIÑA LUCENSE E O SECTOR PESQUEIRO GALEGO

o Tamén pretende que a Xunta esixa ao Goberno central que as contas do 2009 contemplen achegas para a apertura do dique norte de Alcoa, a creación da autoridade portuaria e un maior esforzo no treito estatal do corredor Barreiros-Ferrol.

o O voceiro parlamentario do PPdeG agarda que, aínda que se sexa a escasos meses das Eleccións, a Xunta reaccione e corrixa a marxinación na que mantén sumida á comarca, como evidencia e escasa execución presupostaria

A Mariña, 4 de outubro de 2008.- O Grupo Popular presentará, no Debate sobre o Estado da Autonomía que se inicia o vindeiro martes no Parlamento galego, unha vintena de propostas de resolución referidas expresamente á comarca da Mariña lucense coa intención de que sexan aprobadas pola Cámara  para instar á Xunta a superar as carencias e retrasos que acumulan diferentes proxectos pendentes neses territorios.

O parlamentario mariñán do PPdeG, José Manuel Balseiro Orol, considera inaceptable o abandono no que Xunta e Goberno central manteñen sumida a comarca. O feito de que os Presupostos Xerais do Estado de 2009 non consignen partidas económicas para unha soa obra nova e que, xa no último trimestre deste ano, a Xunta manteña sen executar máis do 60% dos cartos previstos para obras na comarca constitúe, en opinión do deputado popular, unha evidencia do deixadez das Administracións Públicas.

SANIDADE

A constatación desa deixadez levou a Balseiro Orol a elaborar as propostas de resolución específicas para comarca e nas que, como primeiras medidas, propón  habilitar os medios necesarios para reducir as listas de espera que rexistra o hospital da Costa ata equiparalas, como mínimo, coa media doutros centros hospitalarios galegos.

No ámbito das infraestruturas sanitarias físicas, o PPdeG plantexa a acometer as xestións e investimentos necesarios co obxecto de desenvolver as obras de ampliación do Hospital da Costa de Burela. Este capítulo de demandas complétase coa creación dun servizo de urxencias durante as 24 horas no Centro de Saúde de Foz (Lugo), reivindicación recorrente dos veciños deste concello que o bipartito está a incumprir pese a ser un dos seus compromisos electorais.

MÁIS SERVIZOS PARA COMBATER A CRISE

A xuízo do deputado popular, nun contexto de crecente crise económica, a Administración está especialmente obrigada a impulsar aquelas actuacións que permiten o achegamento de novas empresas así como tamén que faciliten que a saída das mercadorías e produtos elaborados na Mariña poida repercutir na nosa comarca. Neste senso empraza á administración autonómica para que se dirixa ao Goberno central e incorpore, nas contas estatais do 2009 –en pleno proceso de aprobación- os investimentos necesarios para levar adiante a apertura do dique norte de Alcoa, así como a creación da Autoridade Portuaria de Lugo, única provincia marítima española sen ente xestor portuario propio. Balseiro lembra que sobre estas cuestións xa existe certo consenso e corresponde plasmalo agora nas contas para o vindeiro ano “sen máis dilación”

Canto ás comunicacións por estrada, as propostas de resolución do Grupo Popular reclaman a activación inmediata do proxecto de construción da vía de alta capacidade entre Ferrol e San Cibrao, e tamén o fomento do treito de competencia estatal desta vía, entre San Cibrao e Barreiros “que está a sufrir unha paralización inexplicable”. Ano a ano o Goberno central establece unha achega de 50.000 euros para desenvolver o VAC entre San Cibrao e Barreiros. Á insuficiencia desta achega debemos engadir que esta non constitúe ningún tipo de mellora. Mentres a Xunta recorta as previsións plurianuais ou, como recoñeceu no Parlamento non executa nin a metade dos cartos que destina ao treito entre Ferrol e San Cibrao.

Outras demandas polo PPdeG consisten en promover a construción das vivendas sociais, a creación dun novo partido xudicial con ámbito de influencia na Mariña oriental e sede en Ribadeo, e reclama tamén a finalización do proceso de concentración parcelaria na área norte de Mondoñedo, así como o arranxo das pistas que por alí transcorren e que, a día de hoxe, parecen ter sido abandonadas pola Consellería de Medio Rural.

PENSANDO NA NOSA PESCA

O deputado autonómico José Manuel Balseiro tamén desenvolve a responsabilidade de voceiro de asuntos pesqueiros do PPdeG e, nese senso propón unha serie de cuestións que esperan conten co apoio maioritario da Cámara.

Entre elas subliña un conxunto moi heteroxéneo de medidas orientadas á superación da actual crise pesqueira: modificacións fiscais, redución na carga impositiva dos combustibles, ou un maior control nos produtos foráneos que chegan aos mercados galegos, o que vén a provocar unha competencia desleal co peixe capturado pola nosa flota. Tamén promove a supresión dos emprazamentos máis discutibles do plan galego de acuicultura “para racionalizar o mapa acuícola que elaborou o bipartito desprezando a oposición social e as reservas mediambientais dalgún destes emprazamentos: Laxe Brava, Merexo, Xandriña, …. Todas elas propostas de resolución “pensadas en beneficio da nosa pesca”.

Exit mobile version