Site icon Crónica3.com A Mariña

O parlamentario do PP Balseiro pediu auditar as listas de espera do Hospital da Costa

Nota de Prensa

O Partido Popular de Galicia reclamaba que o Consello de Contas supervisara os tempos de demora que se están a rexistrar para o acceso ás consultas dos especialistas tras ter evidencias máis que constatadas de que os datos oficiais non se corresponden coa realidade
PSOE E BNG NEGAN A POSIBILIDADE DE AUDITAR A LISTA DE ESPERA ENCUBERTA DO HOSPITAL DA COSTA

* A iniciativa, promovida polo deputado mariñán José Manuel Balseiro, foi defendida na mañá de hoxe polo voceiro de Sanidade do Grupo Parlamentario Popular, Miguel Santaelices.

A Mariña, 30 de outubro de 2008.- Socialistas e nacionalistas uniron os seus votos para rexeitar unha iniciativa do Partido Popular de Galicia a través da que se reclamaba a realización dunha auditoría sobre as listas de espera que se están a dar no Hospital da Costa. Os populares defenderon, no seo da Comisión 5ª de Sanidade e Política social do Parlamento de Galicia que o Consello de Contas debía supervisar os tempos de demora para o acceso a determinadas especialidades médicas do centro hospitalario mariñán tras ter evidencias máis que constatadas de que os datos oficiais non se corresponden coa realidade.

“O bipartito non quere que coñezamos a natureza real desta problemática e vén a darnos a razón sobre a existencia dunha lista de espera encuberta no Hospital da Costa. Por iso obstaculiza todo tipo de análise, independente, serio e con maior rigor, desta problemática que está a contribuír, dun xeito decidido, ao deterioro progresivo da sanidade pública na nosa comarca” explicaron desde o Grupo Popular.

ADULTERACIÓN DOS DATOS OFICIAIS PARA FACELOS FAVORABLES AO GOBERNO

De feito, tanto o SERGAS como a actual xerencia do Hospital están a favorecer que se leven a cabo determinadas actuacións polas que se falsean as estatísticas oficiais, ofrecendo unha imaxe irreal desta problemática, moito máis favorable aos intereses dos actuais xestores da administración autonómica, pero moi negativa para aqueles que demandamos coñecer a magnitude real das listas de espera.

CANCELACIÓN MASIVA DE CITAS

Os populares teñen constancia da cancelación masiva das citas para o acceso a determinadas consultas, así como tamén de atrasos na fixación da data definitiva asignada para acceder á determinadas especialidades ou exploracións, “sempre co pretexto de que as axendas non están dispoñibles” e, polo tanto, “durante ese tempo non se contabilizan a todos os enfermos pendentes”.

“Poden negalo cantas veces queiran” -engaden desde o Grupo Popular “pero o certo é que os veciños da Mariña son moi conscientes desta situación e que ocultala, como está a facer o SERGAS é tanto como negar a posibilidade de adoptar as medidas oportunas para solucionar esta problemática”.

O HOSPITAL DA COSTA POR ENCIMA DA MEDIA AUTONÓMICA EN DEMORAS

Con todo, segundo os datos oficiais feitos públicos desde o Servizo Galego de Saúde no terceiro trimestre do ano, especialidades como oftalmoloxía -que supera nun 65% a lista de espera media en Galicia- cardioloxía que rexistra demoras superiores ao 42%, psiquiatría cuxos datos superan nun 76% a media do resto dos hospitais galegos, ou dermatoloxía cun 37% ou uroloxía con 31%, supoñen o conxunto das consultas de especialistas máis saturadas no centro hospitalario mariñán.

No transcurso do debate ofrecéronse outros datos moi significativos. O Grupo Popular dispón de documentos que acreditan que un paciente está a esperar máis de 368 días para acceder á consulta co urólogo, malia que o dato oficial sitúa esta demora en 80 días ou que demostran que unha veciña da Mariña espera máis de 510 días para que a realicen un ecocardiograma. Os populares falaron tamén dun paciente operado dun triple by-pass coronario cuxa consulta de revisión estaba prevista para o 22 de abril do 2008 e que lle foi cancelada a cita sen que, polo de agora, saiba o día no que poderá ser atendido polo médico especialista

XA EXISTEN PRECEDENTES DE AUDITORIAS

Miguel Santaelices Vieira, voceiro de Sanidade do Partido Popular de Galicia explicou que a petición da elaboración dunha auditoria por parte do Consello de Contas respecto das listas de espera que se están a producir non é unha situación novidosa, xa que existen precedentes. “De feito no ano 2007, o Consello de Conta elaborou un informe con este obxecto na Fundación Pública Hospital Virxe da Xunqueira, sita en Cee (A Coruña)”. Ademais este tipo de estudos non se limitan a constatar esta problemática e analizar as súas causas se non que tamén “ofrecen propostas e recomendacións para a súa solución”.

O deputado mariñán Jose Manuel Balseiro Orol, foi autor da proposición non de lei rexeitada no día de hoxe polo bipartito máis non puido participar na Comisión de Sanidade xa que á mesma hora comparecía a Conselleira de Pesca para explicar as razóns polas que reduciu en preto dun 12% os orzamentos do seu departamento, comparecencia que seguiu Balseiro.
—————————
INICIATIVA, PROMOVIDA POLO DEPUTADO POPULAR JOSÉ MANUEL BALSEIRO

Á Mesa do Parlamento

O Grupo Parlamentario Popular de Galicia , a través do seu Portavoz, e a iniciativa dos seus deputados José Manuel Balseiro Orol e Miguel Santalices Vieira, ao abeiro do disposto no artigo 160 do Regulamento da Cámara presentan, ante esa Mesa, a seguinte Proposición non de lei en Comisión.
Exposición de motivos

No ámbito asistencial do SERGAS existe un elevado número de pacientes que deben esperar un prolongado período de tempo para ser atendidos, diagnosticados ou intervidos, interrompéndose durante tal lapso de tempo a efectividade do dereito á prestación sanitaria.

Esta problemática, coñecida comunmente como listas de espera vén a constituír o principal motivo de queixa e insatisfacción dos usuarios destes servizos e preséntase como unha das problemáticas máis importantes de carácter asistencial das que están a darse no sistema público de saúde.

A deficiente xestión dos recursos, xunto coa súa insuficiencia, está a provocar que en ocasións se superen os límites considerados razoables, desbordándose as previsións, e provocando un notable deterioro da calidade asistencial que se presta no Servizo Galego de Saúde.

Desta situación non son alleos os pacientes do Hospital da Costa de Burela (Lugo) que están a observar como os tempos de espera para o acceso a determinadas especialidades médicas superan amplamente, en moitas ocasións, a demora media rexistrada no conxunto dos centros hospitalarios de Galicia.

A isto debemos engadir determinadas actuacións que están a adulterar a verdadeira natureza destas demoras, falseando as estatísticas oficiais, e ofrecendo unha imaxe irreal desta problemática, moito máis favorable aos intereses dos actuais xestores da administración autonómica, pero moi negativa para aqueles que demandamos coñecer a magnitude real das listas de espera.

Segundo as informacións ás que tivo acceso o Grupo Parlamentario Popular -corroboradas polas denuncias de usuarios e pacientes do centro hospitalario mariñán-, a cancelación masiva das citas para o acceso a determinadas consultas, así como tamén o retraso na fixación da data definitiva asignada para acceder á determinadas especialidades ou exploracións, co pretexto de que as axendas non están dispoñibles, implica que non se están a contabilizar a todos os enfermos pendentes.

A través desta fórmula de maquillaxe estatístico -tan cuestionable como inaceptable- a Xunta de Galicia contén as cifras da lista de espera nas consultas externas, ao tempo que evita que se dispare a lista cirúrxica, sen importarlle que isto provoca e un tapón que retrasa o diagnóstico final.

Sen lugar a dúbida todos estes datos fan necesario que, desde a administración autonómica, se adopten as xestións que sexan necesarias para corrixir esta problemática, así como tamén para coñecer, con carácter previo, a natureza real dos tempos de espera que se están a dar no hospital mariñán. Só deste xeito é posible garantir o funcionamento correcto dun servizo público prioritario -como é o que se presta no SERGAS- chamado a facer efectivo o dereito constitucional á protección da saúde

E polo que, o Grupo Parlamentario Popular entende necesario aprobar a seguinte PROPOSICIÓN NON DE LEI EN COMISIÓN:

Acordo a adoptar:

Único.- O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a demandar ao Consello de Contas de Galicia que elabore un informe sobre a situación das listas de espera no Hospital da Costa de Burela (Lugo) de tal xeito que se poida coñecer a incidencia real desta problemática e así desenvolver, en consecuencia, as xestións oportunas para corrixila.

Exit mobile version