Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Ribadeo aprobou o saneamento para Piñeira por unanimidade

RIBADEO .- O pleno extraordinario e urxente que onte se desenvolveu no Concello de Ribadeo aprobou por unanimidade o proxecto de saneamento na zona de Piñeira que suporá un investimento de 200.000 euros. O alcalde, Fernando Suárez, agarda que “Augas de Galicia execute de maneira íntegra este orzamento para continuar ampliando a rede de saneamento integral. Unha rede que se empezou a facer hai varios anos e que aínda non está operativa. Vai desde A Devesa ata Vilaselán e estará lista cando a depuradora nova empece a funcionar unha vez que se constrúa”.

O rexedor di que “esta arteira principal non ten sentido senón se vai desenvolvendo, polo tanto desde o Concello preparamos un proxecto para empezar a facer ramificacións desta rede principal e propuxémoslle a Augas de Galicia empezar pola parroquia de Piñeira no lugar de Dompiñor. Ao mesmo tempo este proxecto de 200.000 euros vai conectar o colector xeral construído hai poucos meses con todo o núcleo de Dompiñor e ademais quedaría operativo ao pé da estrada xeral para poder continuar nun futuro cara Folgosa ou para completar a parroquia de Piñeira”.

Fernando Suárez engade que “o Concello aprobou o proxecto e agora poñerá a disposición da Consellería de Medio Ambiente os terreos, os camiños públicos por onde pasará ese saneamento. Agardo que Augas de Galicia o aprobe canto antes e que nos poñamos a traballar para executalo. É un tema importante que se aprobou por unanimidade de todos os grupos políticos con representación no Concello de Ribadeo”.

Exit mobile version