NOTA DE PRENSA:
O BNG PIDELLE AO PP QUE SE DEIXE DE AMEAZAS E SE POÑA A TRABALLAR DUNHA VEZ CON SERIEDADE NA DEFENSA DOS INTERESES DOS VECIÑOS.
Lembra que a propia Astunosa xustificou a declaración de insolvencia nas débedas que unha construtora mantiña con ela o que a obrigou a presentar concurso voluntario de acredores.
O goberno municipal debe asumir as consecuencias dun convenio que ate fai pouco defendían e que o BNG criticou con dureza por consideralo opaco e encamiñado unicamente a sufragar a campaña electoral do Partido Popular nas pasadas eleccións municipais. Agora a declaración de insolvencia de Astunosa deixando sen pagar ao concello 1,27 millóns de euros pon en cuestión a validez xurídica do documento, ao non contar con avais bancarios para o seu cobro, senón que os avais son pisos concretos de fases do proxecto que aínda están sen executar polo que o concello nestes momentos non ten nada; das sete fases de construción, só dúas están a medio construír sendo precisamente nas cinco restantes onde se sitúan os 35 pisos presentados como aval pola promotora para responder das cantidades asinadas no convenio.
Ao igual que a sinatura do Convenio no que non participamos, tampouco é responsabilidade nin do BNG nin da Xunta a quebra dun proxecto desmesurado, onde se pretendía a construción de 532 vivendas, que ademais, segundo manifestou a propia Dirección Xeral de Urbanismo no Parlamento, contaba cunha licenza municipal na que se superaba a edificabilidade permitida para os terreos que ocupa en 10.000 m2.
A posición do BNG sempre foi clara.
O BNG sempre criticou o caótico e desmesurado crecemento urbanístico e os escasos beneficios sociais que esta política posta en marcha polo goberno municipal supoñía para os veciños, agora a quebra desta política baseada na especulación inmobiliaria fai que sexan unha vez mais os veciños quen paguen os pratos rotos e deban asumir as perdas dun negocio do que non obtiveron ningún beneficio.
Sempre defendemos que as compensacións pola construción destas vivendas viñan fixadas na lexislación e mediante a súa aplicación deberían fixarse as porcentaxes de cesión de solo para espazos verdes, zonas dotacionais, equipamentos e vivenda protexida que non se produciron xa que o PP optou pola súa monetariacion cos resultados que agora temos sobre a mesa.
Debe ser o PP quen asuma as consecuencias da súa propia xestión.
Non e de recibo que agora o PP trate de lavarse as mans e atribuír a outros o fracaso da súa política, a aposta pola construción de segunda vivenda provocou un crecemento desmesurado do prezo da vivenda que non permitía o acceso a vivenda dos cidadáns do concello e así mentres o parque de vivendas construídas medraba de xeito exponencial, baixaba o censo de residentes empadroados no municipio.
E un feito constatábel que o concello malgastou boa parte do cobrado con cargo ao convenio en obras electorais que non tiñan ningunha urxencia(mais de 500.000 de euros na remodelación do Parque Raiña Sofía), e que deixou as infraestructuras de saneamento e auga previstas sen facer. Tamén e un feito que o concello non atende os seus compromisos de pago con provedores como debería, tampouco o fai cos bufetes de avogados nas numerosas frontes xudiciais que ten abertas, só faltaría que agora abrira un novo.
Cervo, 20 de outubro de 2008.
O Consello Local do BNG.