Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz satisfeito da continuidade do asilo e de que as empregadas conserven o traballo

Nota de Prensa

O BNG ALEGRASE DE QUE MENSAJEROS SIGA NO ASILO

Felicita ás traballadoras pola loita e o mantemento dos seus postos de traballo

O BNG quere mostrar a súa satisfacción porque Mensajeros de la Paz decidira seguir á fronte do Asilo de Foz. Esta decisión é para o BNG unha boa noticia porque significa manter un servizo asistencial básico para a poboación e evitar unha situación de incerteza sobre o futuro do Asilo. Así mesmo supón o mantemento dos postos de traballo e que as traballadoras que actualmente traballan no Asilo poidan seguir nas mesmas condicións que ata agora, dado que o Padroado tiña a intención de non subrogarlles o contrato, cousa totalmente inxusta e irregular. Neste sentido, o BNG ten que felicitar a todas as traballadoras do Asilo pola loita que estaban realizando na defensa dos seus dereitos e por manter a calidade do servizo na atención aos residentes.

Agora, para o BNG é preciso saber cales son as medidas concretas que o Padroado e o Concello acordaron realizar para o bo funcionamento do Asilo e coñecer os termos do contrato coa onegué para aclarar cales son as obrigas de cada unha das partes. Respecto a xestión do Padroado, a xente do común preguntase onde se investiron os cartos que saíron das subastas e das vendas que se fixeron, que patrimonio ten actualmente o Padroado, cales foron as donacións particulares dos últimos anos e, en fin, poñer sobre a mesa todos os datos para poder sacar conclusións e mellorar no posíbel o funcionamento do Asilo. Respecto ao Concello deberiamos coñecer cales foron as aportacións que se fixeron ao Asilo e en que se investiron e cales van a ser a partir de agora as liñas de colaboración.

Respecto as deficiencias do centro que imposibilitan os concertos coa Xunta de Galiza, o BNG quixera saber se existen informes técnicos desas deficiencias (informes que a Xunta está obrigada a facer), que obras están xa realizadas e que obras faltan para que o centro cumpra coas condicións regulamentarias e poida acollerse aos cheques asistenciais. Só así e con boa vontade por ambas partes o Asilo poderá manterse nas mellores condicións, cousa que o BNG non dubida.

Exit mobile version