Nota de Prensa
O GOBERNO DO ESTADO NON COMPENSARÁ A PERDA DE INGRESOS POLA REBAIXA DO VALOR CATASTRAL DOS BICES NA QUE CERVO PERDE INGRESOS POR 140.000 EUROS.
A resposta ao senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, deixa clara a negativa do goberno do Estado a compensar a perda destes ingresos.
O BNG ten rexistrada no Senado unha moción na que se pide a compensación aos concellos prexudicados pola perda de ingresos.
O BNG de Cervo lamenta a saída pola tanxente do goberno do Estado á vista da resposta as preguntas do senador nacionalista, Xosé Manuel Pérez Bouza, sobre a posibilidade de establecer compensacións aos concellos afectados pola rebaixa do valor catastral dos Bens Inmóbeis de Características Especiais (BICES), dos que o concello de Cervo conta con dous, a presa-embalse de Río Covo e o Peirao de Alcoa en San Cibrao, que segundo a nova valoración catastral de acordo co Real Decreto 1464/2007 reduciran o pago por este imposto en 140.000 euros.
As escusas do goberno, que recoñece “que algún BICE teña visto reducido o seu valor” coas novas valoracións que establece o Real Decreto 1464/2007, son de carácter legalista, amparándose no Texto Refundido da Lei de Facendas Locais, indica que “dado que non hai unha previsión legal que estableza compensación algunha para este tipo de actuacións, e que os novos valores catastrais non constitúen un beneficio fiscal, a posíbel redución destes, tras unha nova valoración, non pode ser obxecto de compensación”. Na resposta ao senador nacionalista, dende o goberno español, a única posibilidade que ofrece é que os concellos incrementen o gravame do IBI para os BICES até o máximo permitido: o 1,3%, esquecendo que este recurso xa ven sendo utilizado de forma xeneralizada polos concellos galegos.
O Pleno da Corporación cervense acordou o pasado 2 de maio por unanimidade a solicitude de revisión do valor catastral dos BICES ou a compensación pola perda de ingresos.
A resposta do goberno socialista a pregunta do senador nacionalista e unha mala noticia para Cervo, xa que a negativa a establecer compensacións pola perda de ingresos no IBI dos BICES ven a acrecentar a mala situación económica municipal xa bastante degradada pola mala xestión do goberno municipal. Non serviu de nada o acordo por unanimidade do pleno, reclamando ao Ministerio de Economía e Facenda unha nova valoración dos BICES cervenses ou subsidiariamente a compensación pola perda de ingresos.
O BNG intentara reconducir a situación mediante a esixencia de compensacións.
O BNG ten rexistrada no Senado unha moción que se debatera nos próximos meses na que se piden compensacións pola rebaixa nos ingresos dos concellos que saíron prexudicados, lembrando que o Real Decreto 1464/2007 ao ser presentado como tal non permitiu a participación das demais forzas políticas nin da representación das entidades municipais como sucedería de tratarse como proxecto de lei. Asemade, no citado Real Decreto non se ten en conta a sentenza do Tribunal Supremo pola que a FEGAMP logrou incluír os parques eólicos en réxime especial como BICES e os concellos enfróntanse ao problema de que o catastro non realiza a correspondente valoración sobre estes novos BICES.