Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Cervo pide ao goberno municipal moderación no gasto publico

Nota de Prensa

SI O ALCALDE QUERE CONTER O GASTO PUBLICO QUE EMPECE POR REVISAR AS RETRIBUCIONS DO GRUPO DE GOBERNO.

Cervo e o único concello da Mariña onde todo o goberno cobra dedicacións exclusivas e parciais que suman mais de 120.000 euros ao ano.

O aforro das tres dedicacións parciais suporía o financiamento case na totalidade do Punto de Atención Infantil.

O BNG reclama ao goberno municipal moderación no gasto publico, especialmente  naqueles gastos que non supoñen merma nos servizos que o concello ofrece aos cidadáns como poda ser a dedicación do alcalde e concelleiros do grupo de goberno. Neste sentido hai que lembrar que o concello de Cervo e o que mais retribucións paga aos concelleiros e concelleiras do goberno, con dúas dedicacións exclusivas e tres parciais das que se exclúe o Tte. Alcalde, Jose Manuel Balseiro, por incompatibilidade co seu soldo de parlamentario.

A dedicación exclusiva do Alcalde supón un gasto anual de 42.000 euros brutos e 13.923 euros de seguridade social a cargo do concello, o Delegado de medio ambiente, Antonio Basanta, supón 26.000 euros brutos e 8.618,99 de seguridade social polo que as dúas dedicacións exclusivas supoñen un gasto para as arcas municipais de 90.541 euros ano.

O BNG xa reclamou moderación no pleno do 6 de xullo de 2007 cando o PP aprobou en solitario as retribucións do grupo de goberno, especialmente no que se refire as dedicacións parciais, e volvémolo facer agora xa que o gasto total para estas dedicacións suma 28.224 euros ano distribuídas en 15.848 euros brutos para a Delegada de Asuntos Sociais, Pilar Armada, e 6.188 respectivamente para a Delegada de Cultura e Xuventude, Consolación Gallego e Sanidade e Patrimonio Cultural, Yolanda Pedreira.

Para o BNG non se xustifica nun concello de 4800 habitantes o gasto das 3 dedicacións parciais cando xa hai dúas exclusivas.

Entendemos que un concello co numero de habitantes Cervo non pode permitirse o luxo de pagar estas tres dedicacións, especialmente cando o Alcalde fala de contención do gasto e a posíbel merma de servizos que podan afectar aos veciños. Podemos aceptar a necesidade de dúas dedicacións exclusivas para o traballo diario no concello, mais non tres parciais por tres horas de traballo ao día para Pilar Armada e 1 respectivamente para Consolación Gallego e Yolanda Pedreira; 5 horas diarias por 2.016 euros mes no computo total, teléfonos móbiles e dietas de desprazamento serian a envexa de calquera traballador asalariado, cando ademais  esas horas non están sometidas a ningún tipo de control da oposición xa que non se presentan xustificacións da súa dedicación ao pleno da corporación nin no rexistro de entrada do concello e tampouco se fixa un horario de atencion aos cidadáns como pediu o BNG en distintas ocasións.

O aforro das tres dedicacións parciais serviría para financiar totalmente o servizo do Punto de Atención Infantil.

O aforro que se produciría coa eliminación destas tres dedicacións parciais que consideramos innecesarias para un concello como o de Cervo, de en torno a 4.800 habitantes, financiaría a practica totalidade dos gastos que representa ter aberto o P.A.I. de San Cibrao cuantificado en 54.379 euros ano, xa que a cifra de gastos dedicada a estas retribucións mais ás aportacións da Vicepresidencia da Xunta completarían case totalmente os gastos previstos no informe dos servizos de intervención municipal para este centro.

O BNG segue reclamando ao goberno municipal a integración do concello no Consorcio de Igualdade e Benestar como medio para compartir gastos e responsabilidades na mellora da asistencia social no concello, mais se o PP quere continuar en solitario ten que asumir as consecuencias e non facerlle pagar aos veciños as cargas das súas decisións políticas.

Exit mobile version