Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Cervo “controlará con lupa” as dedicacións parciais das tres concelleiras

Nota de Prensa

O BNG PEDIULLE AO REXEDOR MUNICIPAL QUE NON BOTE BALONS FORA E ACLARE AOS 4.800 VECIÑOS DE CERVO OS MOTIVOS DE PAGAR 5 DEDICACIÓNS CANDO SÓ SERÍAN NECESARIAS DÚAS.

O Grupo municipal nacionalista controlará con lupa as certificacións documentais das tres concelleiras con dedicación parcial para acreditar a súa dedicación semanal.

O salario do concelleiro nacionalista na Deputación é público e pode consultarse na web da Deputación, o Alcalde que se aplique o conto e faga o mesmo co seu e o do resto dos integrantes do goberno cervense.

O BNG respondeu ao Alcalde de Cervo que xustificaba a necesidade de pagar a tres concelleiras do grupo de goberno mais de 28.000 euros ao ano faise por 5 horas diarias de traballo. Para o BNG tal cantidade supera con moito as posibilidades económicas dun concello con 4.800 habitantes e o nivel de endebedamento de Cervo, ao que continuamente chegan reclamacións de provedores esixindo o pago de débedas atrasadas e cos pais e nais de nenos matriculados no Punto de Atención Infantil reclamando contra o pago das taxas por un servizo que consideran deficiente.

Os nacionalistas lembráronlle a Villares que aos salarios destas tres concelleiras que cobran 2.018 euros mensuais por dedicarlle 5 horas diarias ao concello, hai que engadirlle o uso de teléfonos móbiles gratuítos e dietas; ademais do uso indiscriminado por parte da concelleira de Asuntos Sociais dun vehículo da policía local para os seus desprazamentos, algo que coñecen tódolos veciños do concello, e sofre especialmente a policía local.

Dificultades para controlar o efectivo cumprimento das xornadas polas que se paga, das que non se dá información ao pleno da corporación.

Dende o grupo nacionalista fíxose mención aos reparos postos polos servizos de Intervención polas dificultades para controlar dende o Pleno e dende os grupos políticos e a propia intervención o efectivo cumprimento das xornadas traballadas para evitar “a vulneración manifesta da norma, que esixe un réxime da dedicación, e non un simulacro do mesmo”. Neste sentido os servizos de intervención fan constar nun informe relacionado coas retribucións por dedicación parcial que as beneficiadas deberán presentar documentalmente información á Intervención Municipal da xornada realizada, aos efectos de realizar os oportunos mandamentos de pago e que o Pleno poda exercer a súa función de control. Esta información non se transmite ao pleno polo que o BNG fará un seguimento rigoroso das xustificacións de pago para verificar a súa existencia e control, solicitando mes a mes a documentación xustificativa.

O Concelleiro do BNG non ten nada que agochar sobre o seu salario e si o Alcalde quere coñecer o alcance das xestións do BNG que lle pregunte aos propios veciños.

En relación ao salario percibido polo portavoz municipal, indicarlle ao Sr. Villares que é público e ben coñecido xa que foi publicado polo BOP do 8 de agosto de 2007 e pode ser consultado na páxina web da Deputación; ao contrario da concelleira de asuntos sociais de Cervo, non conta cobro dietas e moito menos teño chofer. Cando o Alcalde esixe transparencia que se aplique o conto, animámolo a que faga o mesmo e publique na web municipal os salarios do seu grupo de goberno, sen esquecer as condicións laborais e salariais das tras dedicacións parciais.

O BNG ademais recomendoulle ao Alcalde que no lugar de esixir a outros datos dos que xa dispón, que se dedique a xestionar o concello con mais eficacia da que ten demostrado até o momento, iso é o que esperan del os cidadáns, aos mesmos que debe dirixirse para coñecer de primeira man cal é a xestión do BNG en todas aqueles organismos onde temos representación.

Exit mobile version