Nota de Prensa
O BNG REXEITA UNHA INICIATIVA DO PP SOBRE O HOSPITAL DA COSTA PORQUE “NON OFRECE SOLUCIÓNS, SÓ TENTA CONFUNDIR AOS VECIÑOS”
A deputada Cristina Ferreiro afirma que os populares recurren a “medias verdades” para falar dun problema “puntual que xa está arranxado”
Santiago de Compostela, 30 Outubro 08.- A portavoz de Sanidade do grupo parlamentar do BNG, Cristina Ferreiro, vén de rexeitar na Comisión de Sanidade da Cámara Galega unha proposición non de lei do PP sobre as listas de espera no Hospital da Costa de Burela porque non ofrece solucións e tan só amosa o seu afán de protagonismo e de confundir aos veciños e veciñas que saben discernir por si mesmos”.
A deputada nacionalista afirmou que o portavoz popular recurre “a medias verdades sobre a situación do sistema público de saúde” e lembrou que “a existencia de tempos de espera non supón que non se preste atención urxente aos que a precisan”.
Para alén disto, a portavoz de Sanidade acusou ao PP de manipular as cifras e lembrou, pola contra, que a lista de espera do Hospital da Costa a 30 de setembro deste ano reducíuse en 29 días con respecto ás da mesma data do ano pasado, tanto en consultas externas como en atención cirúrxica.
Ferreiro apuntou que o problema do que falan os deputados da oposición foi “un problema puntual que se dá en todos os centros polas baixas e vacacións dos traballadores/as que poden provocar unha merma dos recursos humans e fan que se resintan os tempos de espera”, mais apuntou que esta situación xa está arranxada.
Malia todo, a parlamentar nacionalista quixo reiterar a aposta do BNG por reducir as listas de espera con medidas como a potenciación da dedicación exclusiva, xa que isto suporía un incremento da actividade asistencial, ao tempo que apostou pola hospitalización a domicilio ou a cirurxía ambulatoria como medidas complementarias para paliar o que é “a primeira queixa dos usuarios e usuarias do servizo galego de saúde”.