BURELA .- O alcalde de Burela, Alfredo Llano, amósase satisfeito coas obras que acometerá Costas nos vindeiros anos en Burela “traballos que nos anunciou na súa visita a esta zona a deputada en Madrid, Margarita Pérez Herráiz”. O rexedor destaca “o acondicionamento dos accesos ás praias perto de Rueta que abarca os termos municipais de Cervo e de Burela e que xa están semiacondicionados. Esta obra tiña un presuposto inicial de 1.200.000 euros e xa queda para executar no 2009 un total de 573.000 euros”.
Llano tamén se congratula “da dotación de servizos á praia de Ril que é moi importante, onde penso que se van a acometer unha serie de obras que modificarán para ben aquel entorno, porque se vai dotar de mobiliario, de xogos, dun parque para os nenos, dunha caseta para os socorristas, de aparcadoiros. Esta obra ten un orzamento de 611.000 euros e no 2009 executarase unha partida de 169.000”.
O alcalde burelés engade que “xa se está a realizar o estudio morfodinámico da zona do Perdouro e o proxecto de rexeneración da praia que está alí ubicada; tamén temos unha dotación de servizos ás praias do Cabaliño e do Portelo e tamén imos efectuar a recuperación ambiental do amplo espazo dotacional que temos na praia da Marosa. Son perto de 300.000 metros cadrados en total onde imos tratar de facer un proxecto moi guapo para crear alí unha grande área recreativa que lle dará moitísimo pé ao turismo de Burela. É un proxecto moi importante que se acometerá o ano que ven”.
Llano asegura estar moi contento “coa realización destes proxectos que xa tiñamos demandado para a nosa vila e que significa que lle están dando importancia ao noso Concello”