Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Cervo informou da rede de saneamento ós veciños da Senra

CERVO .- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, mantivo unha xuntanza con veciños da Senra na que lles amosou o anteproxecto da rede de sumidoiros feito polo Concello e acadou que os veciños permitan o paso do futuro saneamento polas súas fincas. Villares indicou que “penso que a parte que lle corresponde ao Concello xa está cumprida. Temos feito o proxecto inicial da obra e conseguimos o compromiso dos veciños para ceder terreos. Polo tanto, agora a pelota está no tellado de Augas de Galicia”.

Nota de Prensa

O alcalde tivo unha xuntanza onte pola tarde cunha trintena de veciños deste núcleo de poboación onde lles amosou o anteproxecto da rede de sumidoiros feito polo Concello
VILLARES LOGRA QUE OS VECIÑOS DA SENRA PERMITAN O PASO DO FUTURO SANEAMENTO POLAS SÚAS FINCAS

? O obxectivo do Goberno local é que as obras podan estar licitadas en marzo, tal e coma se comprometeu o director de Augas de Galicia diante do alcalde
Cervo 25 de outubro de 2008.- Unha trintena de veciños da Senra reuníronse na tarde de onte no salón de plenos municipal có alcalde de Cervo, Alfonso Villares. Na xuntanza o mandatario local adiantoulles o contido do anteproxecto redactado polo Concello para abastecer a este núcleo de poboación dunha rede de saneamento e solicitoulles a súa colaboración para dispor do paso necesario polas súas fincas para poder facerse esta obra.

Segundo sinalou o alcalde no transcurso da reunión, o proxecto presentado aos veciños foi encargado hai máis dun ano polo propio Concello. “Agora -dixo Villares- o que pretendemos é que os veciños podan informarse polo miúdo deste proxecto inicial e tamén saber si están dispostos a deixar que as canalizacións pasen polas súas fincas”. Neste senso os asistentes amosáronse dispostos a ceder terreo para facer as obras á espera de saber exactamente por onde vai discorrer definitivamente a rede de sumidoiros.

Na opinión do alcalde cervense, o paso dado onte é “primordial” para axilizar as obras comprometidas verbalmente o pasado mes de setembro polo director de Augas de Galicia, José Luis Romero Valeiras. Naquela ocasión o responsable deste organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente aseguroulle a Villares que Augas de Galicia licitaría as obras de saneamento para Cervo, A Senra e San Cirpián antes do vindeiro mes de marzo.

“Penso que a parte que lle corresponde ao Concello xa está cumprida. Temos feito o proxecto inicial da obra e conseguimos o compromiso dos veciños para ceder terreos. Polo tanto, agora a pelota está no tellado de Augas de Galicia. O único que lle queda por facer é cumprir a súa palabra, tal e coma o estamos facendo os cidadáns de Cervo con eles” sinalou Villares.

Por último, o mandatario local lembroulles aos asistentes que o sanemento da Senra, xunto có inicio da construción dunha estación de tratamento de auga potable en Rua (que abastecerá de suministro a Rúa, San Román e A Senra); e as obras de saneamento para Cervo e San Cirpián constituíron os condicionamentos que o Goberno municipal propuxo para a axeitada continuación das obras de abastecemento de auga a Cervo e Burela diante dos resposnables de Augas de Galicia. “Son obras moi necesarias que foron explicadas e consensuadas nas diversas xuntanzas que mantiven cos veciños e, polo tanto, non responden a un capricho particular meu senón á necesidade de priorizar os intereses dos veciños de Cervo por enriba de calquera outra cousa” recalcou.

Exit mobile version