Site icon Crónica3.com A Mariña

Medio Rural financia a Ribadeo con 40 mil euros a compra de un camión motobomba

RIBADEO .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, asinou en Lugo na Delegación de Medio Rural, un convenio de colaboración para a participación na prevención e defensa contra os incendios forestais mediante a adquisición dun vehículo motobomba. O rexedor asegura estar “francamente satisfeito polo apoio que desde a Xunta de Galiza se nos está a dar a Ribadeo nesta materia. Hai xa uns meses que asinamos un convenio coa Dirección Xeral de Protección Civil para a adquisición dun camión contra incendios e pola magnitude e cuantía tan importante que supón o seu custe estimado en 180.000 euros, a Consellería pertinente puxo 110.000 euros, quedando o resto para asumir por parte do Concello. Desde aquel momento estiven a facer xestións co conselleiro de Medio Rural e Alfredo Suárez Canal foi tamén sensible a esta circunstancia e participará o seu departamento na financiación deste vehículo coa aportación duns 40.000 euros, e así desta maneira o Concello só terá que aportar 30.000”.
Fernando Suárez engade que “coa sinatura deste convenio este vehículo contra incendios deberá comprometerse a participar na vixianza e extinción de incendios forestais no noso ámbito”.
O rexedor pensa que “este vehículo que está adxudicado e que foi adquirido hai uns días ainda que non nos foi entregado vai ser un dos mellores de todo o país e da comarca da Mariña pola súa capacidade de motor, pola súa potencia, pola súa capacidade de depósito de auga para 4.000 litros, e independentemente de que o Concello de Ribadeo forme parte do parque comarcal de bombeiros temos entidade dabondo para seguir tendo un vehículo contra incendios coma tivemos sempre dende hai uns 30 anos. Este novo camión ven sustituir a este Pegaso tan antigo que tiñamos, tan vello e que nos ten dado máis dun susto porque nunha continxencia nos puidese quedar parado. Ribadeo ten moitos núcleos rurais e edificios moi grandes que precisan dun servizo que agora quedará mellor cuberto”.

Exit mobile version