Site icon Crónica3.com A Mariña

En Barreiros o BNG ve presuntas irregularidades nos orzamentos e pide a nulidade

Nota de Prensa

O BNG SOLICITA A NULIDADE DO PLENO NO QUE SE APROBARON OS ORZAMENTOS DE BARREIROS PARA 2008. OS NACIONALISTAS DIN NAS SÚAS ALEGACIÓNS QUE OS PRESUPOSTOS SON IRREGULARES E QUE ESTÁN INFLADOS.

Barreiros, 30 de outubro de 2008. O BNG ven de solicitar a nulidade do pleno no que se aprobaron os orzamentos de Barreiros para o 2008. O edil nacionalista, Xesús Díaz, asegura que <dende o BNG vimos denunciando ano tras ano as irregularidades que o equipo de goberno do PP ven cometendo na elaboración dos orzamentos. Este ano anuncióuse a bombo e platillo que coa incorporación de José Rojo, coma concelleiro de Economía, todo ía cambiar e é verdade que todo cambiou pero para peor>.

Díaz expón tres incidencias claves polas que reclaman a nulidade desa sesión plenaria celebrada o 26 de setembro. <A primeira é relativa ao prazo de presentación do documento. Cando observamos que no Estado español, que na Xunta de Galiza e nos demáis concellos do noso entorno se están a discutir os presupostos para 2009, aquí seguimos con retraso e estamos tentando aprobar os do 2008 cando o ano está a piques de rematar. Non ten sentido ningún, pero en Barreiros seguimos funcionando así>, segue a contar o concelleiro nacionalista.

Sen informe de intervención

Xesús Díaz di que <hai outro asunto que ten visos de ser ilegal. É a tramitación do documento de orzamentos non reúne as condicións do procedemento establecido pola lei de réxime local. Neste proxecto hai unha serie de documentos que se teñen que remitir e prívasenos aos concelleiros da oposición e aos do equipo de goberno porque non se presenta o preceptivo informe de intervención que é básico para que os membros da Corporación teñan a información correspondente por parte dun funcionario que é máis entendido que nós nesto que é a secretaria-interventora. Ela ten que expoñer cal é a situación real do Concello e dos orzamentos que se nos presentan>. O concelleiro do BNG en Barreiros engade que <o motivo polo que non se presentou o informe de intervención é que anteriormente a secretaria xa informara de xeito desfavorable sobre uns presupostos que nos quixeran presentar e como estes son peores que os anteriores entón négannos o informe porque sabían que ía ser negativo. Esto é moi grave porque a secretaria en principio é a que máis sabe do que pasa no Concello e senón lle deixan informar éporque aquí está pasando algo gordo>.

Partidas desorbitadas

Nas alegacións presentadas polo BNG aos orzamentos de Barreiros para 2008, os edís nacionalistas tamén aluden aos capítulos de ingresos e gastos. Xesús Díaz asegura que <os presupostos son irreais, inflados e non se axustan á realidade económica do noso Concello. Por poñer un exemplo claro no caso dos ingresos: no tocante ao IBI, as licencias de construcción e de primeira ocupación que hai orzamentados…están presupostados casi o doble do que se leva ingresado ata o momento. Faltan dous meses para que remate o ano e ou os promotores-constructores se poñen a facer cousas rarísimas e a traballar a destajo, e vendo tal e como están as cousas creo que non vai ser posible, xa que o presuposto se incrementou se xeito desorbitado. No tocante ás subvencións solicitadas a outras administracións como a Xunta ou o Estado, aparecen partidas que a día de hoxe xa foron denegadas, ousexa que están contabilizadas partidas que xa se sabe que non nos van conceder. E no caso dos gastos de persoal, o comprometido xa é superior agora ao presupostado para este ano, e cos gastos correntes pasa o mesmo>.

O edil do BNG avisa aos veciños de Barreiros de que <estas irregularidades provocarán a perda de servizos e que moitas obras non se poidan realizar  xa que os ingresos non serán suficientes e hai partidas de gastos que van fagocitar casi todo o orzamento. Por todo isto solicitamos a declaración de nulidade do pleno no que se aprobaron os orzamentos de Barreiros para 2008>.

Exit mobile version