Site icon Crónica3.com A Mariña

Conxelan e baixan taxas en Burela, agás cinco que se adaptan ao IPC

BURELA .- O pleno do Concello de Burela aprobou as taxas municipais para 2009 e acordou conxelar taxas como a entrada de vehículos a través de beirarrúas escola de música, licencias de autotaxi, sumidoiros, vehículos de tracción non mecánica, cemiterios municipais e auga, ademais da axuda a domicilio. Subirán no 2009 o IPC a recollida do lixo, os tendidos de tubarias, as licencias urbanísticas, a ocupación de terreos públicos, andamos e vallas. Baixará un 0’45por cen o imposto de ben inmobles urbáns e un 0’55 por cen o imposto de bens inmobles rústicos.
O alcalde, Alfredo Llano, dixo que “o que fixemos foi ratificar o acordo adoptado polo equipo de goberno, e aínda que foron debatidas as propostas presentadas polo PP, pensamos que as nosas saíron para adiante coa condición de mellorar ao máximo posible a facilidade de pagos aos veciños de Burela”. O rexedor engade que “aquelas taxas de carácter xeral foron conxeladas ou baixan como é o caso do IBI, moi importante para todo o pobo e despois as que soben o IPC son aquelas que non lle afectan de xeito xeral á poboación, agás a recollida do lixo. Neste caso  a suba non é algo que dependa directamente do propio Concello xa que depende do servizo que se presta e Sogama en sí mesma súbenos bastante máis do IPC o que lle pagamos pola recollida, de aí que teñamos que incrementar un pouco esta taxa”.
Llano considera que “se trata dunha boa medida para o conxunto da poboación porque se primou o interese xeral dos veciños de Burela, e recalco que a baixada do IBI repercutirá de xeito moi notorio para a xente aínda que hai outras taxas coma a da recollida do lixo que se notarán un pouco a finais de mes. Con estas medidas pretendemos paliar un pouco a situación pola que está a atravesar a economía familiar neste momento”.

Exit mobile version