Site icon Crónica3.com A Mariña

Comezan as obras de mellora de rúas en Ribadeo

RIBADEO .- Comezan en Ribadeo as obras de rehabilitación e mellora das rúas Calvo-Sotelo e Amando Pérez. No primeiro dos casos a empresa encargada é Naray de Foz e no segundo Xestión Ambiental de Contratas. O alcalde, Fernando Suárez, asegura que “estas dúas rúas que xa foran licitadas hai un tempo responden a unha serie de plans estratéxicos, por un lado (Calvo Sotelo) de zonas peonís para dinamizar o comercio e contan co apoio económico da Consellería de Innovación e Industria, e por outro (Amando Pérez) á que se unirán nuns días as rúas Trinidad, Fontecabada e Viejo Pancho, grazas a un convenio asinado coa Consellería de Vivenda para revitalizar o noso casco vello”.

Suárez Barcia considera que “van ser un par de meses de intensas obras en toda esta zona que seguramente ocasionarán molestias no tráfico, pero os veciños de Ribadeo nestes últimos anos estiveron vendo como se estivo a cambiar a fisionomía da vila e penso que son comprensivos aínda que eu non me canso de pedir desculpas por adiantado porque sabemos que seguro ocasionarán molestias. Pero antes de que remate o ano unha parte importante destas obras estarán rematadas e desde logo o avance cuantitativo e cualitativo, en canto a calidade e en canto a ter metros de vía rematados e perfectamente actualizados, será grande. Vai dar gusto vivir por alí, pasear por alí, comprar por alí…”.

Importante investimento

O conxunto de todas estas obras Calvo Sotelo, nesta primeira fase, Amando Pérez, Trinidad, Fontecabada e Viejo Pancho suporán un investimento duns 600.000 euros “financiados a maior parte polas Consellerías de Vivenda e Industria, por iso lles estamos moi agradecidos xa que o Concello non chega a unha aportación media do 30% de inversión”, segue a contar o rexedor ribadense.

Gas

Fernando Suárez advírtelles aos veciños que “se van soterrar os servizos que agora estaban aéreos coma o cableado da luz, do teléfono… e tamén o gas naqueles sitios onde a compañía o estimo oportuno. Agradecémoslles a todos aqueles veciños que desexen contar con gas que llo demanden á empresa subministradora porque despois unha vez rematadas as obras vai ser moi difícil por non dicir imposible volver a levantar estes pavimentos… os que o queiran que o pidan agora”.

Exit mobile version