Site icon Crónica3.com A Mariña

Boa acollida do club de lectura en Burela

BURELA .- A concelleira de Cultura, Neves Cando, manifesta unha grande satisfacción “pola boa acollida que tivo a nosa iniciativa de formar un club de lectura na biblioteca municipal. Onte tivemos a primeira reunión constitutiva do grupo e despois de que contactáramos con outras bibliotecas que xa contan con este club e despois de que nos dixeran que para empezar cun grupiño de dez persoas estaba ben, nós reunimos a 24 polo que temos que cualificar de auténtico éxito o nacemento deste club”.

A edil nacionalista engade que “a satisfacción tamén chega pola variedade de idades e ocupacións das persoas que se apuntaron. Temos unha franxa de idade que vai dos 15 aos 60 anos e as ocupacións tamén son variadas, temos xubilados, amas de casa, empresarios, profesores, persoal sanitario, libreiros, estudantes, administrativos… temos unha gama de intereses, inquedanzas e gustos literarios moi diversos co que o club da lectura será enriquecido e motivado por moi distintas sensibilidades”.

Celebrada a primeira reunión, o grupo decidiu que se reunirá dúas veces ao mes: o primeiro e o terceiro xoves ás oito e media da tarde na biblioteca municipal de Burela. Neves Cando asegura que “o ambiente foi tal nesta xuntanza que xa nos marcamos os primeiros obxectivos de lectura. A verdade á que todos estábamos ansiosos por empezar e ter xa o primeiro reto de lectura común. O primeiro libro será O club da calceta de María Reimondez por dous motivos que encaixan moi ben no noso programa de actividades complementarias. Primeiro porque o 14 de novembro poderemos gozar en Burela da representación teatral desa obra e así poderemos contrastar e analizar as nosas opinións literarias, e en segundo lugar porque poderemos contar coa presenza da autora a finais de novembro”.

O club da lectura de Burela xa elixiu outros dous libros para este trimestre: Seda e El amor en los tiempos del cólera. Segundo explica Neves Cando “os libros escolléronse pola propia suxestión dalgunhas persoas que estaban na reunión porque dentro do listado de máis de 400 libros que están a disposición dos distintos clubs de lectura das bibliotecas había tal variedade de xéneros e de autores que os analizaremos en futuras xuntanzas”.

A responsable de Cultura di que “hoxe 24 de outubro, día das bibliotecas, poñemos a andar en Burela o noso club da lectura, polo que nos sentimos orgullosos e satisfeitos pola acollida que tivo a iniciativa”.

Exit mobile version