CERVO .- Arre-Demo, a primeira asociación xuvenil do Concello de Cervo preséntase en San Cibrao, segundo indican desde o Concello. A finalidade principal desta entidade é o “fomento de todo tipo de actividades culturais e recreativas, de xeito especial, a través da organización, promoción e colaboración con eventos de tipo musical”. Os directivos da asociación son Javier Pais González, David Ángel Villares Sánchez, Miguel Esteban Muruais, Sara Novoa Díaz e Hector Sanz Rey.
Nota de Prensa
A Concellaría de Xuventude colaborou cos trámites de constitución desta nova asociación que terá a súa presentación mañá xoves ás 19.30 horas no Auditorio Municipal da Casa da Cultura (San Ciprián)
NACE A ASOCIACIÓN “ARRE-DEMO” PRIMEIRA AGRUPACIÓN XUVENIL DE CERVO
• O colectivo estará constituído por mozos e mozas do I.E.S. Marqués de Sargadelos
• A directiva estará integrada por Javier Pais González, David Ángel Villares Sánchez, Miguel Esteban Muruais, Sara Novoa Díaz e Hector Sanz Rey.
Cervo, 29 de outubro de 2008.- Mañá xoves, ás 19.30 horas, no Auditorio da Casa da Cultura de San Ciprián, terá lugar o acto de presentación da asociación xuvenil, cultural e recreativa ARRE-DEMO que integra a un grupo de mozos e mozas do I.E.S. Marqués de Sargadelos. O devandito colectivo estará presidido por Javier Pais González, o cargo de vicepresidente-tesoureiro o ostentará David Ángel Villares Sánchez, a secretaría corresponderá a Miguel Estaban Muruais e como vocais foron designados Sara Novoa Díaz e Hector Sanz Rey.
Deste xeito nace a primeira agrupación xuvenil de Cervo en cuxos trámites de constitución colaborou a Concellaría de Xuventude do consistorio municipal, que preside a edil Chelo Gallego. O Concello de Cervo e a directiva da nova asociación convidan a todos os rapaces e rapazas do municipio a integrarse neste colectivo e, en todo caso, a participar na vida asociativa do municipio ofrecendo propostas, impulsando novas actividades e, en definitiva, estimulando o papel da xuventude.
CULTURA, MÚSICA E NOVAS TECNOLOXÍAS FINS PRINCIPAIS
Entre os obxectivos principais desta agrupación está o fomento de todo tipo de actividades culturais e recreativas, de xeito especial, a través da organización, promoción e colaboración con eventos de tipo musical. Moitos dos integrantes desta asociación forman parte a súa vez de grupos musicais polo que unidos neste sen ánimo de lucro, pretenden impulsar todo tipo de actividades relacionadas con mundo da música. Ademais de todo isto, os asociados buscan estimular e dar a coñecer as novas correntes tecnolóxicas e os avances científicos.
A nova asociación, que xa solicitou a súa inscrición no rexistro autonómico pertinente, colaborará coa Concellaría de Xuventude no deseño das actividades recreativas e culturais destinadas á mocidade. Neste senso coinciden na importancia de que os locais antigamente ocupados polos médicos na Casa do Mar de San Ciprián, hoxe pechados, poidan ser destinados a xuventude, reclamación que, de xeito provisional e ata que se decida un novo uso, trasladou o Concello de Cervo á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, organismo encargado da xestión destas instalacións.