Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG di non á directiva das 65 horas

NOTA DE PRENSA

A CIG vén de convocar concentracións simultáneas en todas as comarcas de Galiza para o día 7 de outubro, para denunciar a grave perda de dereitos que suporá para a clase traballadora a ratificación, por parte do Parlamento Europeo, das modificacións introducidas na Directiva de Tempo de Traballo. Unhas modificacións que contemplan, entre outros aspectos, a xeneralización da posibilidade de ampliar a duración máxima da xornada laboral até as 65 horas semanais ou a relaxación na obriga empresarial de compensar con descansos o traballo realizado a maiores.

O pasado 11 de xuño, o Consello de Emprego, formado polos Ministros de Traballo de cada un dos Estados que integran a UE, aprobou por maioría a chamada DIRECTIVA DE TEMPO DE TRABALLO que pretende:

1. Poder traballar, como máximo, unha xornada semanal de até 65 horas, con carácter flexíbel, que se regularizará por exceso ou defecto cada tres meses; sen fixar o tempo de descanso entre xornadas laborais, nin límite de horas de traballo ao ano. O que se traballe de máis nunhas semanas, traballarase, supostamente, de menos nas outras.
2. A Directiva estabelece para determinados sectores de servizos, como pode ser a Sanidade, Vixilancia e Seguridade, Condutores de Transporte Público ou Privado… etc, que o período inactivo de traballo que non se preste unha atención continuada non se considere tempo de traballo, por exemplo, durante unha garda médica o tempo que non hai pacientes, ou nos tempos de espera entre servizos para os condutores de autobús.
3. Establécese a posibilidade de que na sinatura do contrato o traballador ou traballadora pode “voluntariamente” de xeito individual e con independencia do regulado en Convenio, aceptar a xornada de 65 horas. Eles saben perfectamente que a chantaxe dos empresarios será condicionar a sinatura do contrato a que se acepte a ampliación da xornada.

No Estado Español, a xornada máxima de 40 horas semanais está acordada desde o ano 1979, pero a involución do capitalismo máis salvaxe que domina Europa quere facernos retroceder 200 anos. Queren facernos traballar máis horas e máis barato, evitarán as horas extra e os pluses para os que traballan en fin de semana ou festivos.

Esta Directiva será debatida para a súa aprobación nos próximos meses no Parlamento Europeo, onde a dereita neoliberal ten maioría, polo que parece probábel a súa aprobación antes do mes de decembro. Unha vez aprobada, cada Estado debe adaptar esta norma á súa propia lexislación nun determinado prazo.

Como podemos ver, a Europa que se constrúe non protexe o mundo do traballo nin á clase traballadora. Esta é unha Europa neoliberal que non ten reparos en gastar miles de millóns de euros de diñeiro público de todos os Estados a través do Banco central Europeo, para pagar nesta crise, o despilfarro, a especulación financeira dos bancos e das inmensas fortunas, que agora socializan as perdas pero antes non socializaron as inmensas ganancias. Co noso diñeiro pagan as consecuencias da súa avaricia e logo nos dirán que temos que reducir as pensións, as prestacións por desemprego, a sanidade…

Na Mariña o sindicato ten previsto realizar unha asemblea de delegados e delegadas o martes 7 de outubro ás 11:00h. para tratar este tema, que rematará cunha concentración diante da empresa GRUPO TÁMEGA de Cervo, ás 12:45h..

A elección deste lugar responde á repercusión que esta directiva terá no sector do transporte e a que a patronal deste sector, adiantáronse hai tempo a esta directiva, obriga aos traballadores e traballadoras a facer xornadas abusivas que superan con creces a máxima permitida no estado español, e que supón un perigo para a súa seguridade e a do resto de persoas que circulan polas estradas.

Exit mobile version