BURELA .- A Delegación de Medio Ambiente, Educación e Normalización Lingüística organiza para os días 19 e 20 de setembro unhas xornadas gastronómicas que exaltarán a lingua e a orella. Segundo explica a edil responsable, Lucía Bouza “esta fin de semana decidimos facer unha xornada gastronómica porque, dende o Concello de Burela estamos a celebrar a Semana Europea da Mobilidade. Porén, o máis importante é o motivo que nos levou a elixir estes produtos: estamos a celebrar que neste ano 2008, os grupos políticos con representación municipal (PSdeG-PSOE, BNG e PP) nos puxemos de acordo para sacar adiante un Proxecto de Planificación Lingüística para o Concello de Burela. Este proxecto está coordinado por Bernardo Penabade (profesor do IES Perdouro) e no mesmo participan cinco políticos: Alfredo Llano e Lucía Bouza polo PSdeG-PSOE, Neves Cando polo BNG e Cristóbal Edrosa e Luis Miguel Pedre polo PP”.
Bouza engade que “os produtos elexíronse coa intención de facer un símil: a lingua para falar e a orella para escoitar. A idea que subxace baixo isto é a de celebrar non só a posta en marcha do proxecto, senón que hai que celebrar tamén que Burela é coñecida nalgúns círculos como “Capital dun Paraíso Lingüístico”, posto que posúe unha altísima porcentaxe de galego falantes”.
Os establecementos que participan nestas xornadas son: O Sargo, Hamilton, Palacio de Cristal, Orxal, Kiko, Don Jamón, Parrillada de Jandro, Mesón do Mar, A Bodeguilla, O Raio, O Botafumeiro, Miranda, A Marquesa, Mesón da Pedra.