NOTA DE PRENSA.
MEDIO RURAL INFORMA DA CIRCULACIÓN DO VIRUS DA LINGUA AZUL NA MARIÑA LUCENSE
* A Consellaría do Medio Rural xa aplicou 112.000 vacinas preventivas contra a lingua azul dende o 1 de setembro. Tras as dúas primeras semanas da campaña, o operativo foi reforzado para a inmunización de 1.400.000 reses, a totalidade dos ruminantes da cabana gandeira galega, prevista para finais de ano.
* Os resultados definitivos das 2.359 mostraxes enviadas ao laboratorio de Algete, dende inicios de 2008 ata o momento, determinaron a aparición dos primeiros casos de infectados polo serotipo 1 de lingua azul en 6 explotacións de ovino e 2 de bovino en animais nacidos ou criados no territorio galego, situadas en Lourenzá, A Pontenova e Barreiros.
* Medio Rural lembra que a lingua azul é unha enfermidade vírica que lle afecta exclusivamente ás especies gandeiras, sen ningunha incidencia na saúde pública.
Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2008.- A Consellaría do Medio Rural mantén o dispositivo de vacinación preventiva contra a lingua azul, que dende o 1 de setembro e ata o momento xa vacinou 112.000 ruminantes, co obxectivo de ter aplicada a final de ano a segunda dose na totalidade dos ovinos e bovinos da cabana gandeira galega, de acordo co protocolo establecido.
Esta medida adoptouse ante o avance da doenza na Cornixa Cantábrica e tras a habilitación legal necesaria para proceder á vacinación preventiva antes de que houbese certificación da presenza do virus en reses criadas no noso País. Así, reforzouse tamén o sistema de trampeo dos mosquitos vectores transmisores do virus coa realización de mostraxe de reforzo instalando 14 estacións móbiles que reforzan as 5 establecidas con carácter permanente no noso territorio, co fin de coñecer a evolución de poboacións do vector.
O Laboratorio de Sanidade Animal de Galiza (Lasapaga) recibiu este ano 11.420 mostras para a realización do PCR da lingua azul e 13.792 para a análise serolóxica ELISA. Destas mostras, tras o descarte inicial, remitíronse a Algete para a análise concluínte, un total de 2.359 e ata o momento só se detectara a presenza do virus en animais importados.
A aparición das primeiras reses infectadas en explotacións de Lourenzá, A Pontenova e Barreiros implicará de inmediato a declaración oficial dos focos e a definición de novas condicións para o movemento gandeiro con orixe nas comarcas afectadas, que deberán seguir recomendacións de desinsectación e de vixilancia, ademais de acompañar o resultado negativo do PCR correspondente no caso de querer realizar algún movemento a outro lugar de Galiza para evitar a difusión do virus. Tamén quedan inmobilizadas as 8 explotacións nas que se determinou a presenza do foco.
Neste momento, están afectados por mor da lingua azul boa parte dos estados europeos e dentro do Estado español, todas as comunidades autónomas peninsulares agás Valencia e Murcia.
Os mapas do plan de vacinación están no seguinte apartado da web:
http://mediorural.xunta.es/gandaria/sanidade/lingua.php