SANTIAGO .- A Consellaría do Medio Rural mantén o dispositivo de vacinación preventiva contra a lingua azul, co obxectivo de ter aplicada a final de ano a segunda dose na totalidade dos ovinos e bovinos da cabana gandeira galega, de acordo co protocolo establecido. “Esta medida adoptouse ante o avance da doenza na Cornixa Cantábrica e tras a habilitación legal necesaria para proceder á vacinación preventiva antes de que houbese certificación da presenza do virus en reses criadas no noso País”.
NOTA DE PRENSA.
MEDIO RURAL INFORMA DA CIRCULACIÓN DO VIRUS DA LINGUA AZUL NA MARIÑA LUCENSE
* A Consellaría do Medio Rural xa aplicou 112.000 vacinas preventivas contra a lingua azul dende o 1 de setembro. Tras as dúas primeras semanas da campaña, o operativo foi reforzado para a inmunización de 1.400.000 reses, a totalidade dos ruminantes da cabana gandeira galega, prevista para finais de ano.
* Os resultados definitivos das 2.359 mostraxes enviadas ao laboratorio de Algete, dende inicios de 2008 ata o momento, determinaron a aparición dos primeiros casos de infectados polo serotipo 1 de lingua azul en 6 explotacións de ovino e 2 de bovino en animais nacidos ou criados no territorio galego, situadas en Lourenzá, A Pontenova e Barreiros.
* Medio Rural lembra que a lingua azul é unha enfermidade vírica que lle afecta exclusivamente ás especies gandeiras, sen ningunha incidencia na saúde pública.
Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2008.- A Consellaría do Medio Rural mantén o dispositivo de vacinación preventiva contra a lingua azul, que dende o 1 de setembro e ata o momento xa vacinou 112.000 ruminantes, co obxectivo de ter aplicada a final de ano a segunda dose na totalidade dos ovinos e bovinos da cabana gandeira galega, de acordo co protocolo establecido.
Esta medida adoptouse ante o avance da doenza na Cornixa Cantábrica e tras a habilitación legal necesaria para proceder á vacinación preventiva antes de que houbese certificación da presenza do virus en reses criadas no noso País. Así, reforzouse tamén o sistema de trampeo dos mosquitos vectores transmisores do virus coa realización de mostraxe de reforzo instalando 14 estacións móbiles que reforzan as 5 establecidas con carácter permanente no noso territorio, co fin de coñecer a evolución de poboacións do vector.
O Laboratorio de Sanidade Animal de Galiza (Lasapaga) recibiu este ano 11.420 mostras para a realización do PCR da lingua azul e 13.792 para a análise serolóxica ELISA. Destas mostras, tras o descarte inicial, remitíronse a Algete para a análise concluínte, un total de 2.359 e ata o momento só se detectara a presenza do virus en animais importados.
A aparición das primeiras reses infectadas en explotacións de Lourenzá, A Pontenova e Barreiros implicará de inmediato a declaración oficial dos focos e a definición de novas condicións para o movemento gandeiro con orixe nas comarcas afectadas, que deberán seguir recomendacións de desinsectación e de vixilancia, ademais de acompañar o resultado negativo do PCR correspondente no caso de querer realizar algún movemento a outro lugar de Galiza para evitar a difusión do virus. Tamén quedan inmobilizadas as 8 explotacións nas que se determinou a presenza do foco.
Neste momento, están afectados por mor da lingua azul boa parte dos estados europeos e dentro do Estado español, todas as comunidades autónomas peninsulares agás Valencia e Murcia.
Os mapas do plan de vacinación están no seguinte apartado da web:
http://mediorural.xunta.es/gandaria/sanidade/lingua.php