Site icon Crónica3.com A Mariña

Retiran as dúas formigoneiras abandonadas en San Cibrao

CERVO.- Un camión-grúa procedente de Portugal retirou este mediodía unha das dúas formigoneiras lusas que foron abandonadas na vila de San Ciprián despois de que a empresa propietaria dos dous vehículos se vise sumida nun proceso concursal.
Os responsables municipais cervenses sinalaron que foi precisamente este proceso concursal o que provocou o embargo das dúas formigoneiras e os posteriores problemas para para proceder á súa retirada. Lembraron tamén que o pasado mes de maio o Concello recibiu unha comunicación da Sección Única do Tribunal do Traballo de Viana do Castelo (Portugal) na cal lle informaban da autorización do traslado destes dous vehículos aos acredores da empresa propietaria das formigoneiras; pero non foi ata hoxe cando ditos acredores executaron esta autorización.
O Concello de Cervo leva máis dun ano facendo xestións de cara á retirada dos dous camións abandonados, pero o proceso alongouse máis do esperado debido aos trámites burocráticos propios da liquidación da empresa propietaria dos dous camións. Os representantes municipais recordaron que as pretensións do BNG de que fora o Concello quen asumira o custe desta retirada suporía un gasto de máis de 6.000 euros. Cantidade de moi difícil cobro, debido precisamente, ao proceso de liquidación da empresa propietaria das formigoneiras no momento da solicitude nacionalista.
Para os responsables cervenses, o BNG local “chegou tarde de xeito reiterado” coas súas iniciativas vencelladas a estas dúas formigoneiras. “Chegaron tarde pedindo a súa retirada cando nós xa levaramos case un ano en negociacións cos propietarios e acredores para quitar os camións; e por riba pretendían que o Concello asumise uns gastos que dificilmente podería recuperar” sinalaron.

Exit mobile version