Site icon Crónica3.com A Mariña

Programa “Xantar na Casa” implántase en Burela a partir de outubro

BURELA .- A Concellaría de Benestar Social porá en marcha coa colaboración do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar o programa Xantar na casa, “trátase dun servizo de comida a domicilio co que se pretende facilitar e garantir unha alimentación adaptada ás necesidades das persoas maiores e das persoas dependentes”, segundo relata, Neves Cando, responsable desa delegación e alcaldesa en funcións de Burela.
Cando engade que “este programa vaise implantar nunha primeira fase neste ano 2008 a partires do 1 de outubro en 129 concellos galegos elixidos segundo un estudo de necesidades feito no seu día, e Burela é un deses concellos. O que se pretende é proporcionar aos beneficiarios unha alimentación de calidade e nutritiva atendendo sempre aos casos de xeito individualizado e profesionalizado. Queremos evitar o deterioro da calidade de vida das persoas maiores e dependentes por ter moitas veces unha dieta inadecuada, queremos previr tamén situacións de risco no proceso de elaboración da comida e facilitar tamén un respiro ás familias e aos coidadores impulsando así medidas de apoio para conciliar a vida familiar e laboral das mulleres”.
Beneficiarios
Poderán beneficiarse do programa Xantar na casa aquelas persoas maiores de 60 anos que teñan limitada a súa autonomía persoal e non teñan apoio familiar; as persoas dependentes que non conten con apoio das familias e que precisen de axuda para facer a comida e as persoas menores de 60 anos que se atopen nunha situación de exclusión social tecnicamente avaliada. Neves Cando manifesta que “poderán solicitar este servizo todas as persoas que reúnan estas características e que estean empadroadas e residan en Burela. Despois todas as situación serán valoradas polos Servizos Sociais municipais. Deberán apuntarse antes de finais de setembro”.
A edil nacionalista explica que “os beneficiarios recibirán un día os 7 menús elaborados para toda a semana e que se compoñen dun primeiro prato, dun segundo e sobremesa. Son sempre menús equilibrados e completos, variados e adaptados ás necesidades dos usuarios e á gastronomía local e á época do ano na que nos atopemos. O prezo do menú ao día será de 7’5 euros dos que o usuario só pagará 2 euros; outros 2 págaos o Concello de Burela e os 3’5 restantes asúmeos o Consorcio Galego. Engadir que se comprobará que os usuarios deste servizo teñan microondas nas súas casas, xa que de non ser así váiselles facilitar un en depósito e tamén lles ensinarán a conservar e quentar os alimentos”.
Neves Cando asegura que “o que pretendemos con Xantar na casa é completar outros servizos que xa están a funcionar no noso Concello coma o de axuda no fogar. Temos 7 persoas encargadas de prestar este servizo nuns 60 fogares e tamén contamos co transporte adaptado 065. Con estes tres servizos queremos que as persoas maiores e dependentes sigan vivindo nos seus fogares o maior tempo posible e cun nivel de independencia e autonomía persoal aceptable”.

Exit mobile version