BURELA .- A concelleira de Deportes, Neves Cando, amósase estranada polas declaración verquidas polo representante dunha asociación deportiva de Burela sobre a distribución de uso das instalacións deportivas do Concello. A edil nacionalista asegura que “cando o BNG asumiu a responsabilidade de Deportes deu un primeiro paso para constituír unhas auténticas escolas deportivas municipais con persoal técnico e cualificado a con actividades gratuítas para todo o mundo. Cremos que se trata dun servizo que debemos ofrecer aos nosos veciños e veciñas de Burela”.
Neves Cando engade que “a partir de aí como xa se fixo o ano pasado neste 2008 recollemos todas as peticións para utilizar as instalacións deportivas por parte dos clubs, colectivos e asociacións de Burela a través destes técnicos deportivos municipais que contratamos. Desde o 20 de agosto ata o 1 ou 2 de setembro todos nos fixeron chegar as súas peticións para desenvolver as súas actividades, sabedores de que as actividades deportivas municipais comezan co inicio do curso escolar, previsto este ano para o 15 de setembro. E despois elaboraron entre todos os horarios para compartir as instalacións deportivas municipais. En Burela temos tres pavillóns que podemos utilizar fora do horario lectivo dos centros educativos que evidentemente teñen que utilizalos para as súas clases”.
A concelleira de Deportes conta que “sobre 15 asociacións, colectivos e clubs se dirixiron a nós para solicitarnos horarios para as súas actividades, coma por exemplo a federación galega de balonmán, o Burela FS tanto feminino coma masculino, a fundación de discapacitados de Burela… e incluso ligas locais de fútbol aficionado e por suposto neste reparto entran as escolas deportivas municipais xestionadas pola propia delegación de Deportes2.
Esquecemento irresponsable
Neves Cando di que “todos viron atendidas as súas peticións despois de casar o que é necesidades con instalacións deportivas. Só houbo unha asociación (esta que fai estas declaración) que, por certo é unha empresa privada que contrata coas ANPAS de tres centros de ensino de Burela tres actividades deportivas, tan irresponsablemente se esqueceu dese compromiso que ten coas ANPAS e non nos fixo chegar as súas peticións. E a dous días de iniciárense as actividades presentou un escrito no Concello solicitando unha serie de horas para dispoñer dos pavillóns municipais. Ante esta petición tardía e fora de prazo e despois de ter feitos todos os horarios e para propiciar que as ANPAS poidan desenvolver estas actividades deportivas desde a delegación de Deportes se refixeron os horarios dos pavillóns para darlles cabida e hoxe en día dispoñen das horas necesarias para practicar eses deportes”.
A concelleira de Deportes e tenente de alcalde conclúe sinalando que “polo tanto non entendemos esas acusacións de boicot e de discriminación cando para posibilitarlles a utilización das instalacións se refixeron todos os horarios. Non entendemos esas declaracións que non se corresponden coa realidade e que só pretenden enturbar un proceso que foi claro para todos”.