Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP interpela no Parlamento sobre o andazo da lingua azul

NOTA DE PRENSA

O voceiro de Medio Rural do Grupo Popular, Roberto Castro, insiste en que a Xunta mantivo unha actitude irresponsable ao minimizar o risco da enfermidade e retrasar a implantación de medidas preventivas

O PPdeG INTERPELA MAÑÁ NO PARLAMENTO AO CONSELLEIRO DE MEDIO RURAL SOBRE O ANDAZO DE LINGUA AZUL E AGARDA QUE DEIXE DE BOTARLLE A CULPA A ASTURIAS

* Insiste en reclamar que a Xunta indemnice aos donos dos animais co 100% do seu valor

* A Xunta dispón de vacinas contra a lingua azul desde o 1 de agosto pero non comezou a aplicalas ata setembro; o PPdeG esixe unha explicación convincente por este retraso

Santiago, 30 de setembro de 2008.- O Grupo Parlamentario Popular interpelará mañá no Pleno do Parlamento ao Conselleiro de Medio Rural sobre a aparición de novos casos de animais afectados pola enfermidade da lingua azul, que xa mantén inmobilizadas varias explotacións gandeiras na Mariña lucense. Roberto Castro, portavoz de Medio Rural do Grupo Popular, agarda que o conselleiro asuma a súa responsabilidade pola neglixente actuación preventiva da Xunta e agarda que deixe de botar “balóns fóra”, como fixo ata o de agora chegando a responsabilizar a Asturias da propagación da enfermidade.

Castro García insiste en que a Xunta mantivo unha actitude irresponsable en relación coa ameaza da lingua azul. Ata tal punto foi así, que un director xeral chegou a afirmar no Parlamento que o mosquito transmisor da enfermidade da lingua azul nunca chegaría Galicia, malia que o PPdeG leva alertando dese risco desde o ano 2005.

Neste escenario, o PPdeG esixe á Xunta –e volverá facelo mañá- que as indemnizacións por morte ou sacrificio de calquera animal afectado por esta enfermidade sexa o equivalente ao 100% do valor real de cada res.

MINIMIZAR O IMPACTO ECONÓMICO

O PPdeG volverá pedir ao conselleiro de Medio Rural que adopte as medidas necesarias para que os servizos veterinarios oficiais comecen xa a realizar, de oficio, analíticas a todos os animais vivos susceptibles de ser sometidos a un traslado en datas próximas.

Evitaríase así, por exemplo, a inmobilización dos becerros que van ser vendidos a cebadeiros situados fóra de Galicia, e que non poderán abandonar a explotación mentres non dispoñan dun certificado que acredite que están libres do virus da lingua azul.

¿POR QUÉ A XUNTA TARDOU MÁIS DUN MES EN EMPEZAR A VACINAR?

O tamén portavoz adxunto do Grupo Popular denuncia que, como xa sucedeu coa vaga de incendios do verán de 2006, e noutros casos, a Xunta reaccionou tarde fronte ao avance da lingua azul. Na restantes Comunidades da Cornixa Cantábrica, a vacinación masiva de animais iniciouse moito antes ca en Galicia e, aínda así, rexístranse animais infectados.

En Galicia, a vacinación non comezou ata este mesmo mes de setembro, a pesar de que dispoñían das vacinas desde o 1 de agosto. A día de hoxe tan só foron vacinados pouco máis de 200.000 animais, o 14,% do 1,4 millóns de reses previstas das cabanas bovina, ovina e caprina de Galicia.

Exit mobile version