Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP di que o goberno galego castiga ós mariñáns co imposto de sucesións

A MARIÑA .- O PP comarcal transmite nun comunicado a súa inquedanza pola “negativa do goberno galego de suprimir o imposto de sucesións” o que, afirma, “castiga aos mariñáns con rendas medias”. Os populares aseguran que “non entende cal é o motivo polo que, unha vez máis, co Goberno bipartito, os veciños da Mariña, xunto co resto dos galegos, vémonos discriminados con respecto ás medidas en beneficio do aforro e das familias que existen noutras comunidades”.

Nota de Prensa

A metade da poboación española non ten que pagar o imposto de doazóns e sucesións toda vez que 11 comunidades autónomas xa o suprimiron.En Galicia o Goberno de Touriño e de Quintana manteñen este tributo establecendo bonificacións que tan só favorecen aos grandes patrimonios
A NEGATIVA DO GOBERNO GALEGO DE SUPRIMIR O IMPOSTO DE SUCESIÓNS CASTIGA AOS MARIÑÁNS CON RENDAS MEDIAS

o O PP insiste en que estamos ante un tributo inxusto e reclama a súa supresión como unha medida útil para favorecer a superación da actual crise económica.

A Mariña, 05 de setembro de 2008.- Malia que 23 millóns de españois residentes en 11 Comunidades Autónomas diferentes xa están exentos de aboar a imposto de doazóns e sucesións, a reforma deste tributo implantada pola Xunta condena a un gran número de veciños da Mariña con rendas medias a ter que seguilo pagando. Así o aseveran desde o Partido Popular comarcal, á vez que aseguran que as modificacións que sobre este imposto ten realizado o Goberno bipartito “só benefician aos grandes patrimonios, articulados a través de empresas ou sociedades mercantís, que quedarán exentos de tributar. Mentres que, pola contra, non exime de pagar a un gran número de familias de clase media, que carecen de empresas ás que atribuír o seu patrimonio”.

Por todo iso os populares insisten en que estamos ante unha norma inxusta, que atende as necesidades daqueles que teñen patrimonios altos pero coa que se esquece a aquelas persoas con ingresos de carácter medio e baixo, así como a todos aqueles que non teñen unha empresa familiar.

AGRAVIOS COMPARATIVOS ENTRE IRMÁNS

O PP da Mariña alerta que o actual sistema de exencións establecido polo Goberno bipartito pode xerar serios agravios comparativos entre irmáns. Como exemplo explican o caso hipotético de dous irmáns que reciben en herdanza cadansúa vivenda. O que herde a vivenda habitual quedará exento pero, sen embargo, o segundo, poderá verse obrigado a pagar unha suma elevada. “Trátase dunha reforma inxusta porque trata de forma distinta aos iguais”, aseveran desde a formación popular.

OS GALEGOS PREXUDICADOS

Coa decisión da Xunta de non suprimir a totalidade do imposto de doazóns e sucesións, pode darse a circunstancia de que uns veciños dunha mesma zona xeográfica, pero residentes en diferentes Comunidades, teñan que tributar mentres que outros non. Así, mentres que en todos os concellos lucenses seguirán pagando este imposto, os residentes nas poboacións pertencentes a Castela e León están exentos, o que xera unha situación non resolta de competencia fiscal.

Co obxecto de evitar todas estas problemáticas o Partido  Popular defendeu no Parlamento a supresión do imposto de doazóns e sucesións en Galicia. Segundo o PP está medida serviría para incentivar a actividade económica e resolver a competencia fiscal existente coas autonomías que xa o eliminaron. Os populares lembran que  tanto Touriño como o seu conselleiro de  Economía rexeitaron a medida argumentando que máis do 80% dos galegos xa estaban exentos algo que non é totalmente certo.

Na actualidade a reforma operada pola Xunta de Galicia é parcial incompleta “ao basearse en librar do pago deste tributo só a unha parte dos que teñen que pagalo en Galicia”.

MENOS DUN 10% DE BENEFICIARIOS

O PP aclara que a través da súa publicidade a Xunta de Galicia afirma que o 90% dos galegos quedarán exentos de tributar por doazóns e sucesións, do que se deduce que a medida implantada polo bipartito beneficiará a menos do 10% dos potenciais herdeiros.

A propia Xunta calcula que a redución da recadación se situará en arredor dos 60 millóns de euros anuais, para un tributo que xeraba uns ingresos anuais que roldan os 160 millóns de euros, cifra que pon de manifesto o limitado efecto da reforma legal.

A día de hoxe, as Comunidades que xa suprimiron o imposto de doazóns e sucesións son as seguintes: Cantabria, A Rioxa, Baleares, Castela e León, Castela-A Mancha, Madrid, Murcia, Valencia, Canarias, País Vasco e Navarra.

O PP comarcal non entende cal é o motivo polo que, unha vez máis, co Goberno bipartito, “os veciños da Mariña, xunto co resto dos galegos, vémonos discriminados con respecto ás medidas en beneficio do aforro e das familias que existen noutras comunidades.”

PARTIDO POPULAR DA MARIÑA

Exit mobile version