Site icon Crónica3.com A Mariña

O Pleno de Ribadeo aprobou por unanimidade o convenio para rehabilitar o casco histórico

RIBADEO .- O pleno do Concello de Ribadeo aprobou por unanimidade na tarde de onte o 7º convenio para a rehabilitación do casco histórico. O alcalde, Fernando Suárez, destaca que “suporá a rehabilitación de 20 vivendas no casco vello de Ribadeo coa achega importante do Ministerio de Vivenda e da Consellería de Vivenda e co 45% que porán os particulares. Serán 400.000 euros os destinados a rehabilitación de edificios e de vivendas. E outra parte é a relativa á rehabilitación de espazos públicos urbanos no casco vello, onde aínda que a cantidade é menor tamén é importante. Neste caso aportan cartos o ministerio, a Xunta e o Concello. O que se destina a obra pública son 120.000 euros. En total entre obra pública e privada falamos dun investimento de 520.000 euros”.

O rexedor di que en breve se asinará o convenio coa consellería e do goberno estatal “que terá vixencia desde o ano 2009 ata o 2011. Teño que destacar a boa acollida dos veciños que viven no casco vello de cara a estas axudas. Estamos detectando máis interese neste último ano desde que se modificaron sensiblemente as para eliminar as listas de espera tan grandes que tiñamos. Está vindo máis xente, estamos cubrindo sen problema a xustificación dos proxectos de cada anualidade e esta nova remesa de vivendas dará a posibilidade a 20 familias de poder rehabilitar esas casas con cargo ás axudas públicas”.

O Concello será implacable

Fernando Suárez engade que esta situación “contrasta con aqueles inmobles, moitos deles nobres, que pertencen a familias que non viven aquí e que moitas veces fixeron oídos xordos ás nosas demandas. Nos últimos tempos despois deses decretos de cara á seguridade pública, salubridade e ornato moitos reconsideraron a súa actitude desdeixada de non rehabilitar eses edificios e algúns están metendo proxectos de rehabilitación e noutros casos o Concello tivo que facer execucións subsidiarias, cando menos no que ten que ver coa seguridade pública”. O alcalde de Ribadeo destaca que “non nos gusta ter que facer isto pero seremos implacables de aquí en diante con estes propietarios e seguiremos coa política de tender a man a todos aqueles que viven no casco histórico para que poidan gozar das axudas instauradas para isto. Agardamos que nun prazo razoable de tempo o casco de Ribadeo sexa visitable e admirado polos veciños e polos turistas que se achegan a ver esta xoia do patrimonio mariñán”.

Exit mobile version