Site icon Crónica3.com A Mariña

O Parlamento Galego rechaza a proposta do PP para a defensa do comercio

SANTIAGO.- Segundo o PP o Parlamento Galego opúxose a que prosperase a súa iniciativa para facer un plan de choque que apoiase o comercio minorista en Galicia, e que baseaban argumentando a baixa das vendas durante os últimos meses debida, segundo este partido, á crise económica. Consideran que de seguir esta situación moitas pequenas empresas terán que pechas os seus negocios.

NOTA DE PRENSA.

O bipartito nega a posibilidade de poñer en marcha un plan de apoio ao comercio minorista, abocado a peches masivos pola caída do consumo dun 30%

SOCIALISTAS E NACIONALISTAS OPÓÑENSE AO PLAN DE CHOQUE EN DEFENSA DO COMERCIO PROPOSTO POLOS POPULARES

* Mellor financiamento, maior cualificación profesional e búsqueda dunha estratexia diferenciadora, constituían as principais propostas do PPdeG para superar a crise do comercio galego, que perde 140 empregos diarios

* A notable redución das ventas pode provocar, nos próximos meses, o peche de 70.000 comercios nun sector do que en Galicia dependen 145.000 empregos directos

* Fronte á crise que atravesa o sector, a partida destinada pola Xunta a apoiar o comercio interior medrou tan só un 1,69% este ano, cando a media da Consellería de Industria se situou no 7,41%

Santiago, 9 de setembro de 2008.- Os votos conxuntos de socialistas e nacionalistas impediron que prosperara a iniciativa do Grupo Popular a través da que demandaban un plan de choque para apoiar ao comercio minorista de Galicia, no que a caída das vendas –entre un 25 e un 30%- derivada da actual crise económica se está a traducir nunha sucesión de peches que están a provocar a destrución dunha media de 140 empregos diarios.

Para superar esta situación, o PPdeG insta á Xunta a implantar unha estratexia encamiñada nunha triple dirección:

* Potenciar unha maior adecuación dos produtos financeiros existentes no mercado ás necesidades das empresas.

* Impulsar unha mellora da cualificación dos traballadores do sector comercial en materias como técnicas de vendas, atención comercial, novas tecnoloxías ou linguas estranxeiras.

* Incentivar, nun clima de pleno respecto á liberdade de opción empresarial, o desenvolvemento de estratexias de diferenciación en base a aspectos como atención personalizada ou imaxe de marca, con plenas garantías de non discriminación económica por razóns lingüísticas.

RISCO DO PECHE DE 70.000 COMERCIOS

Os populares argumentaron que esta proposta xurde despois analizar as dificultades que atravesa o comercio galego polo miúdo, que representa o 13% do PIB da Comunidade Autónoma e xera 145.900 empregos directos. O propio sector ten advertido que de manterse a situación actual, nos vindeiros meses poderían pechar 70.000 dos establecementos que operan en Galicia.

A ESTATÍSTICA CONFIRMA A CRISE DO COMERCIO

Outros datos recentes insisten na gravidade da situación. As estatísticas dos efectos comerciais impagados en Galicia revelan que estes se multiplicaron por tres no último ano, pasando dun importe de 33,1 millóns de euros a 83,9 millóns de euros no pasado mes de xuño, convertendo a Galicia na sexta Comunidade con peores datos. Mentres, o índice galego de confianza empresarial do segundo trimestre de 2008 baixou un 12,9% sobre o trimestre anterior; sen embargo, a caída é aínda máis acentuada no comercio polo miúdo, cunha baixada de -35,7 puntos.

Fronte a esta realidade, a Consellería de Industria e Comercio semella non darse por enterada. Así, nos Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma para 2008, os recursos da Consellería incrementáronse o 7,41%, mentres que o programa de apoio ao comercio interior se limitou a un 1,69%. “Aquí está reflectida a importancia que vostedes lle dan ao comercio”

Segundo o PP a realidade contrapón a parálise do actual Goberno autonómico co apoio brindado polo anterior Executivo do PPdeG ao sector comercial da Comunidade Autónoma, impulsando consolidacións e concentracións empresariais e o crecementos dos grupos de matriz galega que operan nesta rama de actividade. Pola contra, co bipartito, tal estratexia desapareceu ata o punto de que un grupo foráneo se fixo co control dunha distribuidora galega da que dependen 3.300 empregos.

Exit mobile version