CERVO .- O Grupo Municipal do BNG retirará unha moción presentada fai dous meses na que se instaba ao goberno municipal “facer tódalas xestións necesarias para a posta en marcha no concello de Cervo dun servizo de recollida de aceite de cociña”. O cambio de postura dos nacionalistas debese ó anuncio “da posta en marcha deste servizo por parte do concelleiro de Medio ambiente”.
Nota de Prensa
O BNG RETIRARÁ UNHA MOCION PRESENTADA O 16 DE XULLO QUE INSTABA AO GOBERNO MUNICIPAL Á RECOLLIDA DE ACEITE DE COCIÑA USADO.
Damos por satisfeita esta demanda após o anuncio do goberno municipal da posta en marcha desta iniciativa, agardando se faga realidade no prazo mais breve posíbel.
O Grupo Municipal do BNG retirará na Comisión de asuntos do pleno a moción presentada o pasado 18 de xullo na que se instaba ao goberno municipal facer tódalas xestións necesarias para a posta en marcha no concello de Cervo dun servizo de recollida de aceite de cociña usado. Co anuncio da posta en marcha deste servizo por parte do concelleiro de Medio ambiente, Sr. Basanta, damos por satisfeita esta demanda e agardamos que do xeito mais dilixente posíbel se faga efectiva para evitar os prexuízos que esta vertedura está a causar ao medio natural.
Os refugallos do aceite usado pola elaboración de alimentos tanto nas vivendas de particulares como de bares e restaurantes causan un importante efecto nocivo para o medio ambiente, ademais de provocar atascos tanto nas redes particulares como nas xerais de saneamento. Calcúlase que un só litro de aceite pode contaminar en torno a 100 litros de auga e que por cada 4 persoas prodúcense ao ano aproximadamente de 18 a 21 litros de aceite usado co que os 4740 habitantes censados no concello tirarían polo vertedoiro en torno a 20.000 litros ao ano.
Falta de iniciativa municipal:
Aínda aplaudindo reacción do goberno municipal diante desta proposta nacionalista, debemos lamentar a falla de iniciativa do PP nesta materia xa que mentres numerosos concellos xa contan con este servizo dende fai tempo, no concello de Cervo tivo que ser o BNG dende a oposición quen tomara a iniciativa.
Tardanza na celebración de plenos:
A celebración de plenos ordinarios acordada no acto de constitución da actual corporación cada dous meses acumula xa 1 mes de atraso ao celebrarse o último o 13 de xuño, sen que ate o momento se convocara comisión, impedindo o debate de asuntos que quedan desfasados polo paso do tempo, así os plenos da corporación que son o máximo órgano de representación e debate político da sociedade cervense perden sentido xa que ademais de acumular importantes demoras, unha boa parte das súas competencias están cedidas á Xunta de Goberno impedindo o debate democrático cos grupos da oposición.