Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG pide a construción dunha área recreativa no acceso a Barreiros desde Foz

BARREIROS .- O BNG de Barreiros insiste na necesidade de habilitar un área recreativa na entrada ao Concello “vindo de Foz entre a estrada N-642 e a ría e o tramo vello desa nacional”, explica Antonio Veiga. O voceiro nacionalista di que “alí hai unha serie de edificacións ruinosas do que antigamente eran uns muíños eléctricos que están cheos de maleza co lóxico perigo que iso significa para as casas dos veciños de arredor. Trátase dun grupo de 10 casas do barrio da Espiñeira”.

Veiga Outeiro lembra que “en outubro de 2003 o pleno aprobou por unanimidade unha moción do BNG na que se instaba ao Concello a facer xestións diante de Costas e diante do Ministerio de Fomento para eliminar esa maleza e eses edificios ruinosos. A nosa proposta era e a nosa proposta segue a ser esa… queremos que esa zona sexa convertida nun área recreativa. O custe non é moito, e é perfectamente asumible por calquera desas administracións, tanto por Costas coma polo Ministerio de Fomento”.

O voceiro do BNG en Barreiros considera que “así se eliminaría todo ese risco que supón para as casas de arredor e gañaríamos un espazo importante preto da ría e xusto na entrada do Concello co cal deixaría de afearse esa zona que é a entrada vindo de Foz porque non é unha paisaxe bonita ver todo aquel montón de ruínas nese acceso a Barreiros”.

Antonio Veiga congratúlase do bando “que hai pouco sacou o Concello de Barreiros despois das moitas solicitudes expostas desde hai cinco o seis anos tanto desde o BNG coma desde o resto de grupos da oposición. É un bando no que se lles pide a todos aqueles propietarios de solares abandonados que están cubertos de maleza e aos propietarios de edificios en estado ruinoso que procedan á súa limpeza e á conservación no debido estado de ornamento e de salubridade tal e como di o artigo 9 da lei do solo de Galiza. O bando parécenos ben, pero ten o efecto que ten e o grao de cumprimento que ten, de aí que nós volvamos insistir con esta reivindicación aprobada en pleno”.

Exit mobile version