Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG na Mariña lucense non é de fiar

*José Manuel Balseiro Orol .- O cambio de posición do Bloque Nacionalista Galego (BNG), formación política que agora parece amosarse disposta a apoiar os orzamentos xerais de Zapatero ainda a pesar de que non contemplen o proxecto de apertura ao tráfico comercial xeral do dique norte de ALCOA, constitúe un portazo ás espectativas dos veciños da Mariña lucense.

Os responsables comarcais desta formación política ano tras ano, cando chega a hora de negociar as contas polas que se rexerá a actuación do Goberno central, falan de condicionar o seu apoio á consecución deste proxecto. Pero, cando chega á hora da verdade, esquecen as súas promesas, traicionan os seus compromisos e ceden ante as presións dos socialistas. O prezo a perder, a moqueta e o coche oficial, parece ser unha tentación demasiado irresistible para os nacionalistas galegos.

Se ben é certo que a mobilización social promovida polo BNG a prol do novo porto comercial de San Ciprián foi un fracaso. Isto non se debe ao desinterese duns veciños que son moi conscientes dos beneficios que esta nova infraestrutura leva. Máis ben foi consecuencia do rexeitamento a unha forma de facer política, que agocha un dobre discurso, bipolar, onde os nacionalistas ao día seguinte desdícense do dito. Non se pode reclamar unha cousa na Mariña e vetar a mesma nas Cortes Xerais.

O Partido Popular entende que a apertura ao tráfico xeral comercial do dique norte que na actualidade xestiona a multinacional ALCOA, constituiría un gran avance do que se beneficiarían o conxunto dos veciños desta comarca. Por iso, estamos dispostos a defender a creación dun novo porto comercial na Mariña lucense, aproveitando a potencionalidade e a infrestrutura que xa dispón o dique de Morás. Xunto a iso, a creación dunha autoridade portuaria propia, permitiría que os beneficios desta nova infraestrutura reverteran só na nosa comarca, e serviría para autofinanciar o investimento realizado.

Os populares, traballaremos desde as nosas distintas responsabilidades para facer realidade este propósito. Non podemos renunciar a un proxecto que constituiría un avance significativo, só comparable ao que no seu día supuso a apertura da multinacional do alumnio para todos os mariñáns. Máis oportunidades de emprego, achegamento e creación de novas empresas, unha saída ao mar de moitas das materias primas que aquí se producen (madeira, peixe conxelado,…). En definitiva, máis e mellor riqueza.

O PPdeG traballará para facer realidade esta reivindicación dos veciños da Mariña lucense, e para que os orzamentos de 2009 contemplen este obxectivo. Ogallá a emenda ás contas xerais do Estado que promoverá o Partido Popular conte co apoio do BNG. A apertura do dique norte de ALCOA e a creación da Autoridade Portuaria de Lugo, non deberan ser uns compromisos que dependan da oportunidade política de turno. Mais, desgrazadamente, o BNG na Mariña lucense deixou de ser un partido de fiar.

*José Manuel Balseiro Orol é secretario provincial do PPdeG e parlamentario galego

Exit mobile version