Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Cervo pide apoio a corporación para que sexa comercial o dique norte de Alcoa

CERVO .- Os nacionalistas do BNG de Cervo solicitan o apoio da corporación para “a liberación do dique norte do peirao de San Cibrao”; esta iniciativa enmarcase dentro da “campaña iniciada polo BNG para a creación dun porto comercial na Mariña”, aseguran e matizan que desde fai anos veñen facendo esta petición ” tanto con gobernos no Estado do PP como do PSOE, sen que até o momento se vira cumprida esta reivindicación que dende o BNG consideramos estratéxica para o futuro da comarca”. 

 

Nota de Prensa

 

CERVO 

 

O BNG PIDE POR SEGUNDA VEZ O APOIO DA CORPORACIÓN PARA A LIBERACIÓN DO DIQUE NORTE DO PEIRAO DE SAN CIBRAO. 

 

A iniciativa forma parte da campaña iniciada polo BNG para a creación dun porto comercial na Comarca da Mariña. 

 

O BNG defenderá no Parlamento Español unha Proposición Non de Lei dirixida a lograr este obxectivo. 

 

O BNG ven reclamando dende fai anos a liberación do dique norte do peirao de San Cibrao, tanto con gobernos no Estado do PP como do PSOE, sen que até o momento se vira cumprida esta reivindicación que dende o BNG consideramos estratéxica para o futuro da comarca. 

 

Débese ter en conta que a posta en funcionamento do dique norte, tal como consta en diferentes estudos e anteproxectos elaborados, nalgúns casos por organismos públicos, significaría habilitar un peirao de atraque de 500 metros ao longo do dique norte que permitiría a entrada de mercantes de 62.000 toneladas implicaría un investimento do arredor de 9 millóns de euros. Neste sentido hai que ter en conta que no Porto de San Cibrao nos últimos 10 anos a Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao recadou 18,8 millóns de euros, case 2 millóns de euros anuais, o que permitiría que a actuación se financiase con fundos propios. 

 

O Porto de San Cibrao, hoxe limitado ao seu dique sul, xenera o 47,5% da cota total de negocio da Autoridade Ferrol-San Cibrao, agora ben co actual sistema tarifario definido a nivel estatal aproximadamente a metade dos fundos recadados en concepto de canóns e taxas polas diferentes Autoridades Portuarias son absorbidos directamente por Portos do Estado, para o chamado Fundo de Compensación, o que representa un auténtico espolio para o conxunto dos portos galegos de interese xeral , que fican cun 40% do recadado e que a súa vez son prexudicados polo reparto efectuado do fundo de compensación que recae nun 80% nos portos de Bilbao, Barcelona, Valencia e Algeciras. 

 

A posta en funcionamento e a liberalización do dique norte de Alcoa ten un carácter extratéxico para o conxunto do norte galego, na medida que nos conecta coas autovías marítimas europeas, permite superar a situación de excentralidade do Cantábrico galego e opera de imán e palanca para a totalidade do noso tecido produtivo. A transferencia a Galiza dos Portos de Interese Xeral vai moito máis ala de por fin ao espolio que representa o actual modelo tarifario estatal, xa que significa pór en valor o sistema portuario galego a través da súa racionalización e especialización mediante a conformación dun pool que se aproveite da posición privilexiada de Galiza en relación co tránsito marítimo internacional. 

Após a aprobación nos concellos da Comarca, na Deputación Provincial e no Parlamento galego de iniciativas encamiñadas a liberación para uso comercial deste porto, é evidente a unidade de tódalas forzas políticas galegas pola liberación deste porto polo que ao goberno do Estado xa non lle caben maiores dilacións para o inicio de negociacións coa multinacional Alcoa, que fai uso exclusivo deste porto, de cara á súa liberación.  

Ao BNG xa non lle serven os compromisos incumpridos por parte de diversos altos cargos do PSOE na provincia; é o momento de tomar decisións polo que agardamos a aprobación no Parlamento Español da proposición non de lei presentada polo BNG e a consignación nos orzamentos do Estado para 2009 das partidas económicas necesarias para a súa execución. 

 

Asdo.: Xoán Antón Estúa García 

 

Concelleiro portavoz do BNG.

Exit mobile version