Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG observa irregularidades nos orzamentos de Barreiros para 2008

BARREIROS .- O voceiro do BNG en Barreiros, Antonio Veiga, di que “o goberno do PP demostrounos durante todos estes anos que é incapaz de facer uns orzamentos para un Concello de 3.200 habitantes”. Veiga Outeiro considera que “os orzamentos deste 2008 están envoltos en irregularidades. Temos dúbidas de que sirvan para mellorar a calidade de vida dos barreirenses e dicimos isto porque si botamos unha ollada ás liquidacións de orzamentos anteriores e a como se executaron veremos o que pasou. Poucos veciños de Barreiros poden dicir que viran aumentado ou mellorada a súa calidade de vida, con novos servizos, con novas dotacións, cuns servizos máis axeitados á poboación… ao contrario dirán que ano tras ano a calidade dos servizos que o Concello lles presta é peor”.

Ao BNG chámalle a atención que “na liquidación de 2007 os orzamentos arroxen un resultado negativo de menos 712.000 euros. Si aínda facendo as contas en decembro do ano no que se aplican o orzamento é imposible que lles cadre desde logo que está todo dito ao respecto da xestión económica do Concello de Barreiros”. Antonio Veiga engade que “este ano aínda é máis grave, porque o Concello ten un edil de economía e facenda adicado exclusivamente a elaborar os orzamentos e mañá irá a pleno o terceiro presuposto que nos presentan no que vai de ano. En marzo presentaron uns orzamentos de 3.302.000 euros, pero retirárono porque non estaba ben; en xullo presentaron un novo por importe de 3.151.000 que tampouco estaba ben e que contaba cun informe desfavorable de intervención que dicía entre outras cousas que eran nulos de pleno dereito e insuficientes para cubrir os gastos do Concello. Agora presentan un terceiro orzamento de 3.411.000 euros, a estas alturas o pleno e mañá e non está convocada a comisión de economía e facenda que é preceptiva porque houbo unha modificación na proposta presentada anteriormente”.

O edil nacionalista engade que “falta tamén o informe de intervención que non sei si o teremos antes do pleno aínda que polo que vimos na documentación, esta foille pasada de alcaldía a intervención o 18 de setembro e intervención ten dez días para elaborar ese informe, outra cousa é que alcaldía quixera adiantarse a ese dez días… tamén raia a ilegalidade. Estes orzamentos están unha vez máis envoltos en irregularidades. Non sabemos si é desidia, descoñecemento ou si detrás destas contas queren agochar algo. O que si lle dicimos ao alcalde de Barreiros e ao concelleiro de economía é que cando xogan con cifras están xogando coas necesidades dos veciños do noso municipio. Isto non é sacar unha caixa de parafusos, nin poñer un caixón máis de cemento, nin poñer un lote de ladrillos… isto non é unha empresa de materiais de construción, estes son os orzamentos dos veciños de Barreiros para que mellore a súa calidade de vida. E os veciños queren ver algo con todos eses cartos que durante estes anos de bonanza económica chegaron ao Concello”.

Antonio Veiga asegura que o Concello ingresou polo imposto de construción, instalación e obras no ano 2006 1.990.000 euros e 700.000 euros anos o ano pasado “os veciños queren saber en que se gastaron eses cartos porque nas liquidacións non está nada claro”.

Exit mobile version