CERVO .- O Alcalde de Cervo, Alfonso Villares, dirixe un escrito o conselleiro de Industria pedíndolle que interceda ante a conselleira de Vivenda para “deixar sen efecto o Plan Sectorial de Ordenación das Áreas Empresariais de Galicia, no que se inclúe a actuación do polígono industrial Xove-Cervo. O mandatario popular, no mesmo escrito, afirma que “O BNG convoca unha manifestación no día de hoxe para reclamar ao Goberno central medidas que permitan rentabilizar o dique norte de Alcoa” e “o Concello de Cervo comparte este obxectivo”
Nota de Prensa
COPIA DO ESCRITO DO QUE FARÁ ENTREGA O ALCALDE DE CERVO, ALFONSO VILLARES,
AO CONSELLEIRO DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA FERNÁNDO BLANCO:
SUPRESIÓN POLÍGONO
SUPRAMUNICIPAL DE ALCOA
Sr Conselleiro:
Con data 31 de xullo de 2008 o Consello da Xunta de Galicia na súa xuntanza, acordou iniciar os trámites para deixar sen efecto o Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado o 27 de maio de 2004.
Isto constitúe un novo atranco ao proxecto de construción do polígono industrial do cinto de ALCOA, que ten previsto situarse nos concellos de Cervo e Xove
Desde o Concello de Cervo entendemos que a construción dunha nova área industrial no contorno da primeira empresa da Mariña, ALCOA, é imprescindible e un proxecto irrenunciable
O BNG convoca unha manifestación no día de hoxe para reclamar ao Goberno central medidas que permitan rentabilizar o dique norte de ALCOA.
O Concello de Cervo comparte este obxectivo, a necesaria apertura ao tráfico comercial xeral do dique norte de ALCOA e a posta en marcha dunha Autoridade Portuaria Propia para Lugo, a única provincia marítima de España sen dispoñer deste organismo como propio.
Pero xunto a iso entende imprescindible que se adopten outra serie de decisións como é potenciar as xestións necesarias para crear o polígono industrial do cinto de ALCOA.
Ambas son medidas prioritarias para fomentar o desenvolvemento industrial da Mariña, a chegada de novas empresas e, a creación de novos postos de traballo.
Debemos impulsar este tipo de actuacións sobre todo agora cando o contexto económico xeral non é bo e necesita medidas de impulso e rehabilitación da actividade económica.
Esperamos que o Sr Conselleiro de Innovación e Industria, como membro do Goberno de Galicia faga traslado destas reivindicacións ao conxunto do Executivo.
Esperamos tamén que a Xunta de Galicia amose o seu compromiso con estas iniciativas que tan só buscan o mellor para os veciños de Cervo e da súa comarca.
Desexamos, finalmente que o Conselleiro de Innovación e Industria interceda ante a súa compañeira de Goberno, a Conselleira de Vivenda e Solo para que reconsidere aquelas decisións que van en contra dos intereses aquí expresados.
De xeito particular, reconsidere a decisión de deixar sen efecto o Plan Sectorial de Ordenación das Áreas Empresariais de Galicia, no que se inclúe a actuación do polígono industrial Xove-Cervo.
E por iso que hoxe, facemos traslado ao Conselleiro destas peticións que, observando a bondade do seu obxectivo, entendemos serán compartidas por todos.
San Ciprián, 06 de setembro de 2008
O Alcalde de Cervo
D. Alfonso Villares Bermúdez