CERVO .- Alfonso Villares comunica aos medios que no DOG de hoxe publícase un “anuncio polo que se somete a información pública a anulación do Plan de ordenación das áreas empresariais de Galicia e, entre elas, o proxecto de construción dun polígono nos concellos de Cervo e Xove”. Afirma que “neste documento insístese na versión empregada ata o momento para desistir da tramitación destes novos parques industriais, isto é que o polígono Cervo-Xove non se axeita aos obxectivos e criterios dunhas actuación racionais e de auténtica ordenación territorial. Non podemos senón rexeitar esta afirmación. O polígono industrial do cinto de Alcoa constitúe un proxecto estratéxico viable e capaz de servir de pulo ao desenvolvemento do conxunto da Mariña lucense. Non podemos renunciar ao asentamento de novas empresas e a oportunidade de crear novos postos de traballo”. Critica tamén a postura do BNG sinalando que “sen entrar a cuestionar o valor das palabras empregadas polos nacionalistas na prensa, nas que anuncian que non teñen pensado desistir da posta en marcha deste polígono supramunicipal, o certo é que a vontade dun Goberno se materializa no DOGA. O Executivo autonómico, a Xunta fala e decide a través do Diario Oficial e este hoxe insiste en darnos unha mala nova”.