BARREIROS .- O alcalde de Barreiros e o seu grupo municipal, o PP, levarán ó pleno do vindeiro martes 30 de setembro unha moción para a adopción de medidas de aforro e austeridade no gasto público. Unha proposta que a súa formación está a presentar en tódolos concellos e institucións nas que goberna en todo o país. Alfonso Fuente di que “pode parecer estrano presentar unha moción de austeridade por parte do equipo de goberno, pero hai criterios e liñas a seguir que hai que levar a cabo antes de que xurdan os problemas. Nós temos que ver a solución antes de que se xenere o problema e entón anticipándonos por eso levamos esta moción ó vindeiro pleno”.
Fuente Parga engade que a moción “propón a conxelación de todos os soldos dos cargos públicos: alcalde e concelleiros, así coma a conxelación das retribucións en concepto de dietas e asistencias a órganos colexiados, así coma as asignacións para o funcionamento dos grupos municipais. Tamén propón a redución dos gastos de protocolo e representación e a elaboración dun plan de axuste do gasto corrente co horizonte desexable de acadar ata un 10% de aforro”.
O rexedor barreirense destaca que “todo esto non é máis que para non reducir os gastos sociais… os gastos que levan á prestación dos servizos ós nosos veciños, para non reducilos, para que os veciños non noten o detrimento nos servizos que están a recibir desde o Concello por ese motivo propoñemos a adopción destas medidas. En Barreiros podémolas tomar libremente porque o Concello de momento se atopa nunha situación na que aínda pode tomar este tipo de acordos, para os que pedimos o apoio dos partidos da oposición”.
Pacto local
Alfonso Fuente lembra que “a Xunta comprometéuse hai tres anos a abonar unha serie de gastos que están a soportar os Concellos, coma o mantemento do centro de saúde (o gasoil), a persoa que fai a limpeza nese centro, os conserxes e o gasoil dos colexios públicos e a limpeza tamén dos colexios. E tamén imos pedir que a Xunta, que adquiriu ese compromiso coa Federación Galega de Municipios e Provincias a través da firma do Pacto Local, cumpra. Si a administración autonómica cumpre co Concello de Barreiros nós teremos máis recursos para prestar mellores servizos ós cidadáns. Por iso non pode ser que se firmase ese acordo hai tres anos e que a día de hoxe o único que asumise a Xunta fose o gasto de gasoil dos colexios. Hai unha serie de gastos que todos os meses se cargan sobre os presupostos municipais dos Concellos e si un se compromete a pagalos que o faga… é dicir que cada pao aguante da súa vela”.