Beatriz Vázquez Monroy
Concelleira do PsdeG-PSOE en Cervo e nai de Jorge, afectado pola Baby-taxa
Cando falamos de política municipal, os que estamos nela sabemos ou temos que ser conscientes de que calquera decisión que afecte dunha forma importante aos veciños, mellorando a súa contorna ou a súa calidade de vida, debe ser consultada e acordada entre todos os grupos políticos, pois desta maneira, asegúrase que o maior número posible de cidadáns estean representados nesa decisión. Por iso, cando se está na oposición, e trátanse asuntos que poden ser beneficiosos para os veciños, non debe tremernos a man en recoñecer e apoiar ao partido que goberna, e ese está a ser o criterio do PsdeG-PSOE de Cervo.
Pero cando ás nosas mans chega un asunto como a imposición dunha taxa municipal no caso do PAI de San Ciprián, queremos dicir de antemán que por desgraza, os socialistas vímonos obrigados a denegar o apoio ao PP de Cervo.
Os concellos teñen competencias para impor amparados na legalidade cantas taxas municipais desexen; agora ben, no caso do PAI de Cervo, a legalidade e a maioría absoluta do PP non poden ser a escusa para cobrar a uns pais por un servizo de atención infantil (bastante deficitario, por outra banda), a cambio de ningún servizo adicional. Os pais non se negan a pagar, quede claro, a condición de que se ofrezan servizos como horario ininterrompido, comedor e transporte.
Antes que política, son nai e ademais afectada por este imposto, por tanto dóeme especialmente que xusto un ano despois de que o concello concedese máis de 36.000 euros a unha asociación para subvencionar gastos de profesora, instalacións, comedor e transporte privado para 4 nenos, pretendan agora que outros pais deste concello paguen a cantidade (por mínima que sexa) e que non teñan a cambio ningún servizo adicional, a maiores, do que viña ofrecendo até agora de forma gratuíta. Paréceme estupendo que se o concello dispón de recursos para subvencionar gardarías privadas fágao, a condición de que os demais veciños tamén teñamos á nosa disposición eses mesmos recursos, e neste caso, estásenos negando uns servizos que igualmente temos que pagar, cando a outros se lles ofreceu de forma gratuíta.
Ser alcalde dun concello require de moito traballo e imaxinación, pero é un privilexio, na medida en que as túas decisións inflúen moi directamente na vida dos veciños e tes a obrigación de mellorala. Pero cando os parques con farois de luxo, os pavillóns con moqueta e aseos para os cans son a prioridade dun concello, carente de políticas sociais que ofrezan servizos básicos para facilitar a conciliación socio-laboral, sinceramente, é que algo se está facendo moi mal en Cervo.