VIVEIRO.- O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado da Vicepresidenta 2ª, Lara Méndez, e do Alcalde de Viveiro e Deputado Provincial, Melchor Roel, reuniuse nun almorzo de traballo en Viveiro cunha vintena de empresarios interesados en participar no “Programa de Sucesión na Empresa Familiar”. Trátase dun programa pioneiro en España, creado e sufragado na súa totalidade pola Deputación de Lugo e destinado ó afianzamento das empresas familiares e emprendedores da Mariña luguesa.
O programa piloto comezará a finais deste mes na Mariña coa participación de 10 empresas familiares, seleccionadas entre os aspirantes. Contribuirá a afianzar o seu desenvolvemento e consolidación grazas a un tratamento integral da problemática familiar, xurídica e empresarial que se presenta no momento da sucesión. Éste é o asunto máis importante ó que deben enfrontarse as empresas familiares porque engloba, non só a dirección, senón a propiedade, sistema de goberno, modelo de xestión e un legado de valores que han de traspasarse de xeración en xeración.