Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo pon en marcha o servizo de recollida de aceites domésticos usados

CERVO .- O Concello de Cervo anunciou a próxima entrada en servizo do sistema de recollida de aceites domésticos usados. O concelleira de Medio Ambiente, Antonio Basanta, anunciou que o seu departamento ven de firmar un acordo coa empresa Procesadora Gallega de Alimentos para levar adiante un programa de recollida e reciclaxe de aceites de cociña usados.

Esta recollida efectuarase mediante seis colectores urbanos que se instalarán en Cervo (nas inmediacións da praza do Concello), Río Cobo (Centro Social e Deportivo), e San Ciprián (inmediacións dos accesos ao porto, rúa Concepción Arenal – esquina Rosalía de Castro, Rúa Aduana, e Avenida da Mariña). A empresa encargada da provisión destes aceites alimenticios usados será a responsable do baleirado dos colectores de recollida, da conservación dos mesmos e da súa rotulación.

Segundo adiantou o edil de Medio Ambiente do Concello de Cervo, Antonio Basanta, o Concello ten previsto desenvolver unha campaña de sensibilización da poboación para que depositen os aceites de cociña dos seus fogares nestes colectores. Este tipo de aceites poden reempregarse en biodiésel, xabón ou abono orgánico. Ou na fabricación de velas, pinturas e vernices. Basanta sinalou tamén que á luz dos resultados desta primeira experiencia o Concello podería ampliar a colocación de colectores noutros puntos do termo municipal.

DANOS ECOLÓXICOS

O concelleiro de Medio Ambiente cervense sinalou que a recollida de aceites usados é importante para evitar os danos ecolóxicos que xera o seu vertido incontrolado. As graxas arroxadas polos escorregadoiros acaban atascando os sumidoiros e provocan un rápido desgaste dos filtros das depuradoras. Ademais, en ríos, o fluído forma unha película superficial que impide o paso do osixeno.

Exit mobile version