Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo despide os nenos saharauis

CERVO .- Hoxe pola tarde os cinco nenos saharauís que pasaron os meses de verán en Cervo tiveron a súa despedida no concello. No acto estivo presente o alcalde do Concello, Alfonso Villares, quen agradeceu ás familias de acollida facer posible que estes nenos viñeran a Cervo “para integrarse durante estes dous últimos meses coma uns veciños máis”. Ao finalizar o acto, o primeiro edil cervense fíxolles entrega duns obsequios aos nenos consistente en material escolar e lambetadas.

O Concello de Cervo leva participando desde fai anos no programa de acollida “Vacacións en Paz”, organizado pola asociación Solidaridade Galega co Pobo Saharaui coa colaboración de diversos concellos de Galicia. Esta iniciativa solidaria busca que os pequenos coñezan outra cultura e outro clima, gozando dunhas comodidades que non teñen onde viven. Neste senso Villares lembrou que as altas temperaturas que se rexistran durante os meses de verán nos campamentos saharauís fai que a estadía destes pícaros en climas máis fríos sexa “case imprescindible” para o seu correcto desenvolvemento “xunto cós controis médicos que as familias de acollida lles fan”, sinalou Villares.

O Concello de Cervo é o municipio mariñán que máis nenos deste programa acolle durante os meses de verán. Para isto, destinou 3.250 euros (650 euros por cada neno) a través da súa concellería de Asuntos Sociais. Esta cantidade tivo por obxecto sufragar os custes dos billetes de avión (ida e volta), póliza de seguro para cada un dos nenos acollidos; e os gastos dos acompañantes e de xestión.

Agora, estes rapaces terán que volver aos campamentos de Tinduf, situados no Sáhara Occidental en Alxeria, unha zona de contrastes con Galicia. Para algún destes nenos non é a súa primeira experiencia, polo que xa non se sorprenden tanto das diferenzas existentes entre o seu país de orixe e España. Pero para os recentemente chegados este é un mundo que non imaxinaban e no que todos os días descobren algo novo. Pola súa banda, as familias de acollida din sentirse satisfeitas coa experiencia, e aseguran que a seguirán repetindo.

Exit mobile version