BURELA .- O deputado autonómico do Partido Popular de Galicia, José Manuel Balseiro, non entende por que Sanidade non ordenara aínda o cese dos actuais membros veciñais na Comisión sanitaria de participación cidadá con ámbito de influencia na área norte da nosa provincia. O parlamentario mariñán lembra que todos eles son residentes en Lugo e, por iso, empraza ao nomeamento e substitución destes por membros de colectivos veciñais da Mariña lucense, tal e como establece a normativa vixente
“Non comprendemos as razóns de tanta espera.Se tiveran vontade política esta cuestión xa estaría solucionada. Es especial cando eles mesmos recoñecen que estamos ante unha anomalía que actúa en detrimento da nosa comarca e do dereito constitucional á participación dos cidadáns na actividade dos organismos públicos e, máis en concreto, no eido da saúde” – explicou Balseiro Orol
O parlamentario mariñán insiste en que o artigo 125.3 da LOSGA -normativa básica do sistema galego de saúde- habilita á Conselleira de Sanidade para nomear e separar do cargo aos membros destas comisións. “Xunto a iso a lexislación vixente é moi clara cando afirma que os representantes veciñais deben de pertencer á entidades con ámbito de influencia na área sanitaria, isto é nos concellos da nosa comarca” (excepto A Pontenova)
Neste momento “Sanidade estaría a incumprir a lei” e, o que aínda é máis grave, “están a inventarse escusas para evitar solucionalo” –engadiu o deputado popular- “O cese dos actuais representantes veciñais pode ser inmediato, non temos que esperar ao que decidan na Federación provincial de asociacións de veciños. Tan só debe terse intención de solucionalo e ser escrupuloso no cumprimento do fixado pola lei”
Por outra banda, Balseiro Orol afirmou ter constancia do interese de varias asociacións veciñais da Mariña lucense por formar parte desta comisión e contribuír, deste xeito, a mellorar o deteriorado sistema público de saúde. “Fixéronnos chegar as súas inquedanzas a través das oficinas de deputado de Viveiro e Ribadeo onde comprometémonos a asesorar a todos os colectivos. Está claro, polo tanto, que existe interese en participar nestas comisións sanitarias por parte das agrupacións veciñais de mariñáns”