CERVO .- Segundo a nota de prensa remitida polo concello de Cervo, O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, obtivo o compromiso do director xeral de Augas de Galicia, José Luis Romero Valeiras, de licitar as obras de saneamento para Cervo e San Ciprián no vindeiro mes de marzo.
Segundo explicou o primeiro edil cervense, na reunión o responsable de Augas de Galicia comunicoulle a intención deste organismo de rescindir o contrato inicialmente adxudicado en xullo do 2005 para a construción do saneamento sancibrense. “O argumento que me expuxeron foi que non tiñan máis posibilidade que rescindir o contrato inicial, debido a problemas técnicos. Diante desta negativa a modificar o proxecto xa adxudicado, nós esixímoslle que se incluíra neste novo proxecto unha serie de melloras que levamos reivindicando dende hai meses e que teñen por obxectivo minimizar o impacto paisaxístico e medio ambiental desta infraestrutura tan necesaria para San Ciprián” sinalou Villares.
O alcalde destacou que o responsable de Augas de Galicia comprometeuse a incluír ditas melloras apuntadas dende Cervo. Entre elas figura o cambio de situación da estación depuradora de augas residuais (EDAR); así coma o seu sistema de tratamento das augas. Villares dixo que con este cambio o Concello de Cervo consegue que a ubicación recollida no proxecto inicial para a EDAR (na zona da Atalaia) se traslade ao polígono de Cuíña. “Deste xeito pretendemos minimizar posibles problemas coma o do impacto paisaxístico, ou atrancos medio ambientais coma os derivado dos cheiros” sinalou Villares. Tamén dixo que a nova depuradora terá o dobre de capacidade de depuración que a inicialmente proxectada, e fará a súa función mediante un sistema de tratamento biolóxico das augas, “fronte ao tratamento físico-químico que estaba previsto inicialmente”.
SANEAMENTO DE CERVO
Ademais desta mellora mediante unha nova redacción do proxecto para San Ciprián, o alcalde cervense tamén conseguiu que Augas de Galicia se comprometera a licitar o saneamento para os núcleos de poboación de Cervo e A Senra. Neste senso Alfonso Villares sinalou que as obras para estes dous núcleos tamén incluirán unha estación depuradora de augas residuais “cuxa ubicación máis axeitada aínda se está a estudar por parte dos responsables de Augas de Galicia”. Neste sentido adiantou que na vindeira semana varios técnicos de Augas de Galicia desprazaranse a Cervo para entrevistarse cós técnicos municipais e ver sobre o terreo os distintos detalles e pormenores destas dous proxectos. “Estaremos a colaborar con eles en todo o que se nos pida e tamén estaremos vixiantes para que o compromiso da reunión de hoxe sexa unha realidade nos prazos dados” asegurou o alcalde.
Para Villares, a palabra dada polo máximo responsable de Augas de Galicia en licitar estas dúas infraestruturas tan necesarias no concello de Cervo “é froito do empeño posto polo equipo de goberno de Cervo nas distintas negociacións que levamos mantendo nos últimos meses con Augas de Galicia e coa Consellería de medio Ambiente”. Por último, Villares dixo que “de cumprirse o prometido polo director de Augas de Galicia na reunión de hoxe é probable que as dúas obras podan estar en marcha a finais do vindeiro ano 2009”.