Nota de Prensa
AS ESCOLAS DEPORTIVAS AMPLIARÁN A SÚA OFERTA PARA FOMENTAR A PRÁCTICA DO DEPORTE ENTRE OS VECIÑOS
Cervo, 5 de setembro de 2008.- Cervo contará por segundo ano consecutivo con escolas deportivas municipais. A presentación foi hoxe pola mañá, a cargo das concelleiras Yolanda Pedreira e Chelo Gallego; concelleiras de Deportes e de Cultura respectivamente.
As responsables municipais subliñaron a aposta do goberno local por fomentar o deporte “non só para os máis pequenos, senón para todos os veciños en xeral” e afirmaron que ao igual que o ano pasado, as actividades a desenvolver nesta edición 2008-2009 iranse axustando ás demandas dos alumnos.
Segundo explicou Yolanda Pedreira está previsto que inicialmente se oferten xogos psicomotrices e predeportivos para os máis pequenos; ximnasia de mantemento, aeróbic, bádminton, ping-pong, tai-chi, patinaxe artística ou ximnasia rítmica, ademais doutros máis estendidos como baloncesto, fútbol sala ou tenis.
NOVIDADES
A responsable da área de Deportes adiantou tamén que unha das novidades deste ano será a ampliación de actividades para maiores no núcleo de poboación de Cervo. “Ata o de agora estabamos a facer este tipo de actividades tan só en san Ciprián, pero en vista da demanda da zona do rural optamos por ofertar actividades tamén en Cervo” indicou Pedreira.
Así mesmo, a edil lembrou que o Concello seguirá proporcionando a equipación deportiva aos participantes destas actividades. Por último, Pedreora sinalou que a presentación oficial das escolas terá lugar o vindeiro venres, día 12, ás oito da noite no salón de plenos da Casa do Concello.