CERVO .- As escolas deportivas de Cervo amplíanse este ano ofertando actividades para os maiores da capitalidade municipal. A responsable da área de Deportes, Yolanda Pedreira, asegurou que “ata o de agora estabamos a facer este tipo de actividades tan só en san Ciprián, pero en vista da demanda da zona do rural optamos por ofertar actividades tamén en Cervo”. Yolanda Pedreira estivo acompañada da concelleira de Cultura, Chelo Gallego, no acto de presentación das actividades das escolas deportivas.
Nota de Prensa
AS ESCOLAS DEPORTIVAS AMPLIARÁN A SÚA OFERTA PARA FOMENTAR A PRÁCTICA DO DEPORTE ENTRE OS VECIÑOS
Cervo, 5 de setembro de 2008.- Cervo contará por segundo ano consecutivo con escolas deportivas municipais. A presentación foi hoxe pola mañá, a cargo das concelleiras Yolanda Pedreira e Chelo Gallego; concelleiras de Deportes e de Cultura respectivamente.
As responsables municipais subliñaron a aposta do goberno local por fomentar o deporte “non só para os máis pequenos, senón para todos os veciños en xeral” e afirmaron que ao igual que o ano pasado, as actividades a desenvolver nesta edición 2008-2009 iranse axustando ás demandas dos alumnos.
Segundo explicou Yolanda Pedreira está previsto que inicialmente se oferten xogos psicomotrices e predeportivos para os máis pequenos; ximnasia de mantemento, aeróbic, bádminton, ping-pong, tai-chi, patinaxe artística ou ximnasia rítmica, ademais doutros máis estendidos como baloncesto, fútbol sala ou tenis.
NOVIDADES
A responsable da área de Deportes adiantou tamén que unha das novidades deste ano será a ampliación de actividades para maiores no núcleo de poboación de Cervo. “Ata o de agora estabamos a facer este tipo de actividades tan só en san Ciprián, pero en vista da demanda da zona do rural optamos por ofertar actividades tamén en Cervo” indicou Pedreira.
Así mesmo, a edil lembrou que o Concello seguirá proporcionando a equipación deportiva aos participantes destas actividades. Por último, Pedreora sinalou que a presentación oficial das escolas terá lugar o vindeiro venres, día 12, ás oito da noite no salón de plenos da Casa do Concello.