BURELA .- O rexedor de Burela, Alfredo Llano, reuniuse en Santiago co director de Augas de Galicia e co alcalde de Cervo para tratar sobre as obras de abastecemento de auga a Cervo e Burela. O Alcalde de Burela indicou que “agardamos que esas obras sigan marchando a bó ritmo e que para o ano que ven en agosto ou en setembro poidan estar rematadas”.
Na xuntanza estivo presente a vicepresidenta da Deputación de Lugo.
Nota de Prensa
ALFREDO LLANO AGARDA QUE AS OBRAS DO ABASTECEMENTO DE AUGA A CERVO E A BURELA ESTEAN REMATADAS EN SETEMBRO DO VINDEIRO ANO.
Burela, 4 de setembro de 2008. O rexedor de Burela, Alfredo Llano, amósase satisfeito dos acordos acadados no encontro que mantivo esta mañá en Santiago co director de Augas de Galicia e co alcalde de Cervo. Unha xuntanza na que tamén participou a vicepresidenta da Deputación, Lara Méndez. Llano destaca que <os incrementos económicos que están a xenerar as obras do abastecemento de auga a Cervo e Burela serán asumidos por Augas de Galicia. Foi un dos asuntos que abordamos xunto cunha serie de cuestións técnicas sobre a posible ubicación das ETAP de Rúa e A Senra. Xa se decidiu o lugar no que se ubicarán e tamén que as obras darán comenzo en Rúa>.
O rexedor de Burela engade que <tamén falamos das melloras tecnolóxicas das ETAP que pensamos que suporán unha notable mellora na calidade do abastecemento da auga de Cervo e de Burela. Agora seguiremos a falar destes e doutros asuntos na vindeira xuntanza do Consorcio de Augas que foi fixada para o día 18 de setembro en Cervo>.
Alfredo Llano asegura que <a xuntanza de hoxe foi moi satisfactoria para todos e agardamos que esas obras sigan marchando a bó ritmo e que para o ano que ven en agosto ou en setembro poidan estar rematadas>.