A MARIÑA .- O secretario xeral do Servizo Galego de Saúde, Cayetano Rodríguez Escudero, informou hoxe que o cadro de “persoal de Cardioloxía do Hospital da Costa está composto por tres cardiólogos coa titulación vía MIR”. Respecto da espera media que se está a rexistrar ns consultas de Cardioloxía deste centro, Rodríguez Escudero sinalou que “en base aos últimos datos de 30 de xuño de 2008, sitúase en 87 días, tal como figura na información que é pública. . Tamén indicou que “a utilización dunha consulta de medicina interna centalizada como filtro e valoración previa a outras especialidades é unha práctica de lóxica organizativa”.
Nota de Prensa
O SECRETARIO XERAL DO SERVIZO GALEGO DE SAÚDE REITEROU HOXE NO PARLAMENTO DE GALICIA QUE AS MELLORAS QUE SE ESTÁN A PRODUCIR NO HOSPITAL DA COSTA SON FROITO DA PLANIFICACIÓN
* A utilización dunha consulta de medicina interna centalizada como filtro e valoración previa a outras especialidades é unha práctica de lóxica organizativa para adecuar a demanda á oferta de cada especialidade
Santiago de Compostela, xoves 18 de setembro de 2008.- O secretario xeral do Servizo Galego de Saúde, Cayetano Rodríguez Escudero, dixo hoxe, na Comisión 5ª do Parlamento de Galicia, que as melloras que se están a producir na asistencia sanitaria dos habitantes da Mariña luguesa, son froito da planificación que agora impera na Administración sanitaria.
O representante da sanidade pública galega reiterou que o Hospital da Costa conta, trala última Oferta Pública de Emprego do Servizo Galego de Saúde, cun novo cardiólogo que ten a súa praza en propiedade. Sinalou, ademais, que existe un médico especialista en medicina interna que está a prestar os seus servizos especializados cun contrato de longa duración dende xuño do pasado ano.
O cadro de persoal de Cardioloxía do Hospital da Costa está composto por tres cardiólogos coa titulación vía MIR, feita en hospitais de España, concretamente en Oviedo, Valdecilla e A Coruña. Recordou, así mesmo, que o internista e tamén vía MIR, e ten feita a súa especialidade no Hospital Xeral de Lugo.
Cayetano Rodríguez Escudero remarcou que no Hospital da Costa existe, dende hai un tempo, unha consulta de medicina interna centralizada, que fai de filtro e valoración previa a outras especialidades, coma pode ser Dixestivo, Endocrinoloxía e Cardioloxía. Estas consultas de filtro son normais en varios hospitais do Servizo Galego de Saúde e do Estado, e responden á lóxica organizativa para adecuar a demanda á oferta da especialidade concreta. Polo tanto, non é un feito singular do hospital, senón, algo común e que se leva facendo neste centro dende o ano 2003, xa con anteriores equipos directivos.
Respecto da espera media que se está a rexistrar ns consultas de Cardioloxía deste centro, Rodríguez Escudero sinalou que en base aos últimos datos de 30 de xuño de 2008, sitúase en 87 días, tal como figura na información que é pública.