Site icon Crónica3.com A Mariña

A Escola de Música de Burela ofertará este ano estudo de gaita

BURELA .- Mañá xoves ás oito e media da tarde na Sala de Conferencias (antiga biblioteca) terá lugar a presentación oficial do novo curso da Escola Municipal de Música de Burela.
Este ano, coma novidades, destacan segundo a concelleira de Educación, Lucía Bouza, “o estudo de gaita que poderán realizar todos aqueles que estean interesados en achegarse a este instrumento. Trátase dunha das principais novidades deste curso 2008-2009, xunto coa ampliación dos horarios de piano debido á ampla demanda que hai e por iso nos vimos obrigados a contratar a outro profesor máis. É algo que nos satisface moito xa que amosa que a Escola está a funcionar porque os servizos en lugar de diminuír van en aumento”.
Bouza lembra que “a matrícula está aberta ata finais de mes. Formalízase na propia Escola de Música, pero os folletos poden recollerse tanto na biblioteca coma no propio Concello. E outra das novidades deste ano é que ampliamos de 2 a 4 os prazos para realizar o pago desas matrículas ás familias que o necesiten”.
A concelleira de Educación engade que “cada ano imos ter a matrícula de valde dun instrumento. Este ano tócalle ao oboe e tamén terán a matrícula gratis os rapaces que toquen na Banda Municipal. Quero convidar a todos os amantes da música que queiran entrar na Escola Municipal a que acudan mañá a esa presentación oficial do curso que faremos a partires das oito e media da tarde na Sala de Conferencias”.

Exit mobile version