BURELA .- Hoxe remata en Burela a exposición Áreas mariñas protexidas, que segundo relata a concelleira de Mar, Remedios López Villar, “acadou unha alta participación de asociacións e colexios. Imos seguir traballando nesta liña dando a coñecer o fondo do mar e como utilizalo sen contaminar”.
A edil socialista anuncia que o xoves 2 de outubro chega a Burela outra exposición, a denominada Prestige, crónica negra dun modelo enerxético insostible. “Está formada por 14 paneis en lona reforzada, un módulo en resina sobre as aves mariñas afectadas… aparecen cortes transversais de petroleiros de casco simple e dobre e a reprodución a escala dun barril de petróleo. Os paneis narran a catástrofe ambiental do Prestige, ocorrida o 19 de novembro de 2002, que tinxiu de negro 2.900 quilómetros de costa. O seu impacto no medio natural e socioeconómico foi evidente, afectando a máis de 250.000 aves e obrigando a cesar na súa actividade pesqueira a máis de 30.000 persoas”, segue a contar López Villar. A responsable de Mar engade que “este tráxico suceso conmocionou á sociedade que reaccionou con valores coma a solidariedade, a participación e a creatividade. Os voluntarios, os mariñeiros e a plataforma Nunca Máis entre outros, foron os protagonistas que traballaron para restablecer a normalidade”.